Lumes e lumes

É o tema de cada verán, o deja vu permanente, o debate sen fin, as imaxes semellantes, os discursos iguais... Este ano, se cadra se lles foi a man: as declaracións de Feijóo defendendo a campaña actual como “extraordinariamente positiva” non entraban no guión... ou si.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 03/09/2013

Comparte esta noticia
Cada ano repítese a mesma guerra de cifras. Dáse o número de incendios e as hectáreas queimadas, que se contrastan coas cifras doutros veráns. Esta vez, Feijóo meteu tamén a primavera para poder vangloriarse outrosí da súa xestión neste terreo. Rueda coñece tódolos trucos. 
 
Conviría lembrar algún outro número. A superficie forestal galega representa máis do 70 % da superficie de Galicia; máis do 50 % é terreo arborado. É a comunidade española con maior densidade forestal. No contexto comunitario, tan so Suecia e Finlandia exceden a porcentaxe de superficie forestal de Galicia. 
 
Así pois, a primeira razón dos incendios, como diría Bush, é que hai moita árbore. E isto que parece unha chambonada, ten o seu aquel. A superficie arborada en Galicia leva medrando a fortísimo ritmo nos últimos trinta anos. Faino polo interese da industria forestal a costa de pastos para o gando e do terreo cultivable. Peor: o crecemento está a ser protagonizado por especies alóctonas, eucalipto sobre todo, e piñeiro, a costa das especies autóctonas. As estimacións indican que o fenómeno continuará con similar vizosidade no futuro máis próximo. 
 
Así pois, non me falen de números xenéricos. Especifiquen, sepárenme as hectáreas queimadas de plantacións de eucalipto e as de bosque autóctono. Porque a súa responsabilidade principal, Sr. Feijóo e resto de servidores públicos, é de garantir a inviolabilidade do ben común de maior valor. Os Ancares, as Fragas do Eume, o Courel... Velaí han estar concentrados os medios e os recursos principalmente. E as políticas de prevención, e os programas de desenvolvemento sostible. 
 
Que facermos coas plantacións de eucalipto? O mellor remedio para que deixen de arder sería que a súa presenza se ordenase e se limitase estritamente. Deste xeito, as campañas dos vindeiros anos si poderían ser extraordinarias. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego