O comité clínico fala de "lixeira" tendencia "descendente" mentres a Xunta pide precaución para evitar a cuarta ola

Coa variante británica copando o 95% dos casos que se diagnostican na Comunidade galega, o comité clínico insiste na responsabilidade individual da poboación como elemento clave para que Galicia se manteña na "situación privilexiada" na que está.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

Transcorridos tres días desde o fin da Semana Santa e máis de dúas semanas despois da ponte de San José, Galicia mantense nun momento de "meseta" en canto á detección de novos casos de coronavirus que, segundo as observacións do grupo de expertos que asesora á Xunta, presenta unha evolución con "lixeira" tendencia "descendente" que, en todo caso, só seguirá esa senda se os comportamentos individuais mantidos ata a data se manteñen.

Este é o diagnóstigo ofrecido este mércores en rolda de prensa polo comité clínico da Consellería de Sanidade coa "fotografía fixa" da pandemia a 7 de abril e ante a incógnita, pendente de despexar, de como afectaría a Semana Santa á tendencia que, polo momento, mantén a Galicia nunha situación de "meseta", é dicir, sen notables subidas ou baixadas no número de contagios.

Coa variante británica copando o 95% dos casos que se diagnostican na Comunidade galega, o comité clínico insiste na responsabilidade individual da poboación como elemento clave para que Galicia se manteña na "situación privilexiada" na que está e, deste xeito, se evite unha cuarta onda que xa se asoma noutras comunidades onde se deu un aumento da incidencia acumulada.

Co predominio da variante británica, unha modalidade do covid que "permite máis o contaxio", Sanidade e o seu equipo asesor remarcan a necesidade de cumprir as medidas de prevención, especialmente ante a chegada do bo tempo que suporá un incremento das interaccións sociais. Todo iso co obxectivo de evitar a cuarta onda a expensas de coñecer o alcance da Semana Santa.

INCIDENCIA

Así as cousas, Galicia mantense mediada a segunda semana de abril cunha incidencia acumulada que se move nos valores das últimas semanas, cunha taxa de entre 32 e 34 casos por cada 100 habitantes a sete días e ao redor dos 66 casos no dato a 14 días, segundo datos solicitados ata as 08,00 horas deste 7 de abril no que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Parrondo, repasou os principais parámetros da pandemia nunha rolda de prensa na que acompañou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Outro dos elementos positivos é o número de concellos sen casos de covid, que aumentan tanto no valor a 14 (+2) como a 7 días (+10). Así, son 142 os municipios que non diagnosticaron contagios nas últimas dúas semanas e 189 os que non contabilizan casos de covid-19 no últimos sete días. Ademais, a taxa de positividad mantense entre o 2,4 e o 3%, dous puntos por baixo do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Na análise por áreas sanitarias, Carmen Parrondo destacou que ningún dos sete distritos nos que se divide o sistema galego de saúde ten taxas de incidencia acumulada por encima dos 100 e os 50 casos nos indicadores a 14 e 7 días, respectivamente.

Deste xeito, a pinza móvese entre a taxa de 36 casos a 14 días que ten a área de Ferrol aos 95 que presenta o distrito de Vigo. En canto ao indicador a 7 días, mantéñense o mesmo esquema, con Ferrol coa menor taxa (12,4) e Vigo coa maior, en niveis similares aos de Pontevedra (46). Por cidades, Vigo é a urbe co peor dato cunha taxa de 56 casos a 14 días, seguida pola Coruña con 49, Pontevedra con 42, Santiago con 27, Lugo e Ourense con 25 e, finalmente, Ferrol con 15.

SITUACIÓN ASISTENCIAL

En canto á situación asistencial, segundo as cifras achegadas polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Julio Flores, todos os hospitais seguen na 'fase 1' do plan de continxencia, con só o 2,09% das camas convencionais ocupadas por pacientes covid e un 87% menos de ingresados que no peor momento da terceira onda da pandemia, na que se rexistraron máximos de hospitalizados no que vai de crise sanitaria.

Nas unidades de críticos, con 27 pacientes con necesidade de coidados intensivos, non se aprecian variacións na última semana. O 5,6% das camas UCI acollen a pacientes con covid e a ocupación total é un 89,7% menor á do pico da terceira onda.

Entrevista a Jo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS
Entrevista a Jo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta