Críticas á Xunta por "violar" o dereito do profesorado á redución da xornada para coidar dos fillos

A CIG denuncia que a Consellería de Educación non concede nin permisos sen soldo nin reducións de xornada ás persoas empregadas na educación, unhas restricións que entende "improcedentes" e que "carecen do máis mínimo rigor".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A Consellaría de Educación limita o dereito do profesorado á redución de xornada para coidado de fillos e fillas. Esta é a queixa que vén de referir a CIG-Ensino logo de que a Xunta informase de que "non vai conceder nin permisos sen soldo nin reducións de xornada" ao profesorado galego. Para o sindicato nacionalista, esta restrición supón unha "violación dos dereitos do profesorado", a quen, como ao conxunto das empregadas e empregados públicos, non se lle fixa ningún tipo de condición ou informe previo do seu centro de destino para poder exercer ese dereito a reducir a súa xornada e o seu salario para atender unha crianza ou unha persoa maior a cargo.

Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo
Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo

A medida, segundo a información coa que conta a CIG, nace da "suposta colisión de dous dereitos, o do profesorado a ter esa redución, e o do alumnado a recibir docencia", unha xustificación que a CIG considera "improcedente" e que "carece do máis mínimo rigor". "Usando o mesmo argumento, estaría en disposición a Consellaría a non conceder permisos de maternidade ou paternidade?", pregúntase. 

Esta medida vén incorporarse á decisión xa comunicada pola Dirección Xeral de non conceder permisos sen soldo nalgunhas especialidades nas que a limitación nas listaxes de substitución farían difícil ou imposible cubrir as prazas. Desde o sindicato xa trasladaron tamén a súa contrariedade con esta medida. "Téñase en conta que estes permisos son habitualmente empregados por persoal interino nos meses ou semanas anteriores ás oposicións. Nun contexto normal ese tempo é habitualmente moi importante para moitas e moitos docentes, mais no caso excepcional deste curso é, se cabe, moito máis necesario non restrinxir ese dereito: alta carga de traballo, especialidades nas que non superar a proba pode implicar ir ao paro, etc…", salientan no sindicato.

Deste xeito, a non concesión de permisos sen soldo resulta, para a CIG, "moi grave"; e a negativa a recoñecer o dereito á redución de xornada enténdena, directamente, como unha "medida abertamente ilegal" que se toma sabendo que os prazos de reclamación e mesmo de recurso á vía xudicial farían imposible o exercicio dun dereito relacionado coa garda legal dun ou dunha menor a cargo.

Por todo isto, a CIG-Ensino vén de dirixir un escrito á Dirección Xeral na que solicitan que se  levante a restrición á concesión de reducións de xornada por garda legal ou calquera outro permiso ou redución non vinculada coas necesidades do servizo na normativa legal en vigor e que se abran todas as listaxes que sexan precisas para evitar a discriminación daquel profesorado que non vai poder optar a un permiso sen soldo pola falta de dilixencia da Administración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta