Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 09:30
Conforme se vai aproximando o verán e os días de frío son cada vez máis escasos vaise aproximando tamén un día especial no calendario da sociedade galega: a xornada das letras. Este ano, o recoñecemento central da Real Academia Galega irá dedicado á poeta “rebelde” e urbana Xela Arias, que será honrada nunhas circunstancias de maior normalidade ás que corresponderon no pasado 2020 a Ricardo Carvalho Calero.
Con motivo desta celebración, a leiteira Feiraco anuncia que convocará “un ano máis” o seu xa tradicional concurso de microrrelatos, que neste 2021 cumpre xa dez anos e co que pretende sumarse ao festexo desta xornada central no panorama cultural galego. Á parte, explican, este 2021 será tamén o segundo ano no que se celebre un concurso artístico orientado aos máis pequenos.
O concurso de microrrelatos está orientado a todos os galegos maiores de 13 anos, que poderán compartir as súas creación a a través dunha aplicación que está dispoñible na páxina oficial de Facebook/Feiracolacteos. Para participar será necesario compartir na aplicación do concurso que está subida á web de Feiraco un relato orixinal, que non debe superar os 500 caracteres incluídos espazos, escrito en galego.
Segundo apuntan dende a empresa, haberá tres gañadores que serán galardoados no caso do primeiro premio cunha funda block elaborada pola artesá Cristina Valverde, dona da empresa Coiro Enxebre, cun lote de produtos de Feiraco e cun lote de libros cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; e no caso do segundo e do terceiro premio con moedeiros de coiro fabricados pola mesma artesá así como cun lote de produtos de Feiraco e cun lote de libros tamén cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
CONCURSO PARA OS MÁIS PEQUENOS
“Pola súa banda”, engaden, “os máis pequenos da casa poderán dar renda solta á súa creatividade participando no concurso artístico que Feiraco estreou o pasado ano. Para iso, os nenos e nenas menores de 13 anos deberán enviar as súas creacións relacionadas coa festividade das Letras Galegas. Haberá dúas categorías, infantil e primaria, cun único gañador en cada unha delas. Para participar tan só será necesario subir unha foto das creatividades que queiran presentarse (artes plásticas, debuxos...) á páxina oficial do concurso en Facebook para que poidan ser valoradas.
O gañador da categoría primaria recibirá un pack de tres xogos fabricados polos artesáns galegos de produtos en madeira propietarios da empresa WOOW Juguetes y Deco, un lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O gañador da categoría infantil recibirá un carricoche de vaquiña fabricado polos mesmos artesáns, un lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A marca galega subliña deste xeito a súa contribución á “posta en valor non só do idioma galego senón tamén da artesanía de Galicia”, “un bo exemplo de que as diferentes accións conmemorativas que leva a cabo reflicten o compromiso de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) con Galicia, coa súa lingua e coa súa xente”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.