Critican que o novo modelo de cotización supón "un forte golpe" para os autónomos

Esta medida do Goberno central incrementará a burocracia e o traballo nos despachos, aseguran os xestores administrativos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O Colexio oficial de Xestores Administrativos de Galicia asegurou que o novo modelo de cotización proposto polo Goberno central suporá "un forte golpe" para os pequenos e medianos autónomos. En concreto, exponse que a cota dos traballadores autónomos oscilará entre un mínimo de 90 euros e un máximo de 1.220 euros ao mes co novo sistema de cotización por ingresos reais unha vez finalizado o período de 9 anos de despregamento total da reforma na que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións traballa.

Nun comunicado, o colexio profesional advertiu de que a implantación destes novos tramos de cotización, que estimou que oscilarán entre os 90 e os 1.220 euros, "podería supor un forte golpe para os pequenos e medianos autónomos".

Así mesmo, afirmou que esta medida incrementará a burocracia e o traballo nos despachos de xestores administrativos, o que "obrigará os profesionais a recalcular constantemente as cotas dos seus clientes". Ademais, augurou que levará un aumento das inspeccións realizadas pola Axencia Tributaria para comprobar se as facturas presentadas polos autónomos se corresponden cos seus ingresos reais.

Así as cousas, o Colexio oficial de Xestores Administrativos de Galicia insistiu en que outras actuacións como "bonificar máis os primeiros anos de actividade" e "mesmo reducir a cota da Seguridade Social a cero" poderían permitir apoiar os autónomos.

AXUDAS

Noutra orde de cousas, destacou que os despachos de xestores administrativos recibiron "decenas de consultas" respecto das axudas de promoción do emprego autónomo da Xunta e sinalou que non foron convocadas ata o momento a pesar de que habitualmente se publican en febreiro. Deste xeito, incidiu na importancia desta iniciativa dado que "en Galicia hai moita xente que abre negocios" a pesar da crise derivada da pandemia da covid-19.

Un autónomo bota o peche do seu negocio tras a súa xornada laboral. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Un autónomo bota o peche do seu negocio tras a súa xornada laboral. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta