No caso da capitalidade de A Limia, puxante comarca labrega, semella que non se trata dunha condena senón dun verdadeiro estigma da terra, tan dada a reprochar comportamentos e actitudes que logo a hora da verdade son consagrados para sempre e sen pudor no eido electoral. O resultado: o alcalde axustizado, novamente.
Seica porque o PP ten a boa costume de premiar cun postiño aos seus axentes electorais, mágoa que fora en fraude de lei e mágoa tamén das moitas familias limiás sen recursos que non acceden a estes privilexios. Cunha simple listaxe de méritos o alcalde xa non precisaría izar as bandeiras da persecución sindical, o acoso mediático e a presunción de inocencia, bandeiras que polo de pronto o xuíz ordenou retirar ao remitirse a sentenza da desviación de poder automaticamente ao Xulgado de Xinzo da Limia para seren investigadas e depuradas as posibles responsabilidades penais derivadas deste comportamento impugnado.
Isto é, o propio Xuíz do Xulgado Contencioso nº1 de Ourense está a denunciar ao alcalde por prevaricación, xa no eido penal, enfrontándose a penas de ata dez anos de inhabilitación e ceibando unha paisaxe municipal de vulnerabilidade institucional e desgoberno total dado que tamén saen salpicadas as concellarías de Persoal e Facenda, a primeira con dedicación exclusiva por mirar para outro lado e a segunda por ter a súa propia dona tamén enchufada en fraude de lei. Chegados a este álxido punto de tan fulgurante carreira política so podemos agardar pola guinda de tan febril brevidade: un cese inmediato, de motu propio, sen imperativos xudiciais e facendo gala da honorabilidade que aínda se lle presupón ao cargo que representa, consagrado pola vontade democrática limiá e que non merece a vergoña desta teima nos erros da súa historia asistindo un lustro despois a máis que probable inhabilitación, novamente por prevaricación, do seu excelentísimo alcalde, o breve.
Dedicado a Amador Díaz Penín e A Rebelión dos Pardaos