Por Alicia Casas | Compostela | 11/08/2021 | Actualizada ás 22:00
Hai non moito na 'explanada' da Seca, en Poio, para falar de catro aeroxeneradores reuníronse máis de cen persoas. Unha mesa informativa sobre o impacto da eólica, asamblea para o coidado do monte. Falaron das afeccións ao territorio e á poboación do parque proxectado no Monte Castrove. De viais que se abren camiño, partir rocha, liñas de alta tensión, muíños de vento, casas en solo industrial, efecto discoteca.
Preocupan a perda de valor das propiedades, o desvío das traídas de auga, o pasto arruinado para os cabalos e as vacas, o ruído, non mirar para o monte como antes miraban. "Antes dixeron que os eucaliptos daban cartos, agora son os eólicos", comenta unha veciña. "Eles o que queren son cartos", apunta outro.
Á xuntanza na Seca non asistiron só veciños de Meis, Barro, Pontevedra e Poio. Asistiron membros de ADEGA, do Sindicato Labrego Galego e da asociación Alarma na Terra de Montes. Estas últimas pediron a solidaridade das outras partes de Galicia coa súa comarca, "máis invisibilizada e despoboada e que está afectada por máis de vinte proxectos eólicos". E as cadeiras e o equipo de son e os papeis, os medios, púxoos o concello. Pero para que isto acontecera tivo que acontecer algo primeiro.
DARSE CONTA
Unha persoa afectada polo parque eólico anunciado por Iberdrola nas Fragas do Eume, Iñaki López, membro da plataforma Monfero di Non, forma parte dun grupo estatal que fai mapas de parques eólicos de todos os sitios. Tamén medicións da distancia a que quedarían das casas xunto coas principais afeccións que suporían. Ninguén cobra nada. Cando viu o proxecto do Castrove, contactou con Lúa, unha amiga súa veciña de Poio. Ela creou unha plataforma en Facebook da que formaban parte en dez días máis de trescentas persoas. Ninguén sabía nada pero xa estaba publicado no BOE. Aínda que José Alonso, que é veciño da Escusa, denuncia que a comunidade montes de San Xoán si sabía.
Pero entre todas esas persoas que non sabían nada está Mercedes Carramal, que tivo recordos. Ela lembra os veráns no Monte do Seixo, arriba na Lama, e como con 15 ou 16 anos subía en romaría por un camiño natural dende o que vían as tres rías e no que ademais de restos arqueolóxicos había cabalos. Aí foi, di, onde se colocaron dos primeiros eólicos. "Cando subín con vinte e poucos anos arriba e vin aquela desfeita, todo arrasado con máquinas, a fonte natural seca, as estradas que abriran para subir os muíños, as rochas levantadas, os cabalos que non estaban...volvín co corazón roto e non volvín subir nunca máis". Entre as cousas que lle preocupan, di, está non querer deixar no futuro un monte arrasado para os seus fillos. Despoboamento.
APURAR
Púxose en contacto con Lúa e traballaron a catro mans: dúas no teléfono e dúas no ordenador. Entender, dar a coñecer, presentar alegacións. Carreira burocrática que non se sabe como nin cando acaba. "Todo é moi difícil, non hai unha situación de igualdade, non respetan os convenios europeos que din que deberían falar coa xente, é unha situación de indefensión", opina Iñaki López. E explica que para facer as alegacións precisan dun cartógrafo, dun biólogo, dun arqueólogo, de avogados...
"Aquí hai xente que nin sabe o que é unha alegación e de un día para outro tes que ler un informe de impacto ambiental de 2.000 folios que moitos ordenadores nin sequera abren e hai xente que nin sequera sabe usar", zanxa. En concreto para o parque eólico proxectado no Castrove, como na maioría de casos, quen realiza un modelo de alegacións xenérico que logo debe ser adaptado é a asociación ambiental Petón do Lobo.
APOIAR
Mercedes Carramal explica que o primeiro que a mobilizou foi que os veciños da Escusa, río Mouro e a poboación máis próxima, quedarían afectados dentro da poligonal. Que, por exemplo, os rapaces que teñen unha asociación de cabalos se quixeran facer algo aí xa non poderían. Logo o primeiro que fixo foi chamar aos veciños da Escusa porque "se non chegamos a poñernos a facer todo isto, pasaría a data das alegacións, sen saber nada as súas casas pasarían a estar directamente en solo de características industriais".
Saben que ademais dos intereses da poboación son importantes os intereses da alcaldía. "Aquí funciona así, se unha comunidade non se queixa o alcalde non vai parar o parque porque trae moitos cartos para o concello, hai algún caso particular no que se posicionan dende o principio pero a tónica xeral non é esa", sinala Iñaki López. Mercedes Carramal chama á oposición e outra veciña vai ao concello. Dixéronlles que non sabían moito do parque pero que os apoiaban e chegara toda a corporación ao acordo de posicionarse en contra. O controvertido do asunto, denuncia José Alonso, é que un membro da oposición é secretario da comunidade de montes de San Xoán e malia que vota en contra no pleno non fai nada a favor. "De feito está recibindo chamadas e dando largas para informar aos veciños", di Mercedes Carramal.
Ela conta que a xente se está a ofrecer para o que necesiten. Ao principio comezaron por poñer notas e carteis informativos e follas de alegacións e firmas nalgúns establecementos e agora xa son máis de 20 e os comercios chaman para ofrecerse eles. "Realmente é impresionante, en pouco tempo se puxeron en contacto asociacións ou responderon ás chamadas de auxilio", agradece. A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego púxoa en contacto cun avogado que leva o caso na Estrada, Petón do lobo co modelo de alegacións, ADEGA implicada, plataformas como Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe ou Como eliminar os eucaliptos de Galiza difunden.
Iñaki López soubo do eólico proxectado nas Fragas do Eume grazas á xente de Aranga (Monte do Gato), e ademais de mandar o mapa que fixeran á veciña de Poio compartiu tamén con ela o manual que fixera con eles sobre que facer cando chega un parque eólico á túa vila.
REPLICAR
A Plataforma "Non ao parque eólico no Castrove", organizada, denuncia a dificultade que xera a administración para poder organizarse. "Está feito para que non nos enteremos, non sae en ningún lado e dannos un prazo moi pequeno de tempo para que non poidamos reaccionar, en tempada de vacacións ademais, cando a xente quere desconectar e as administracións non funcionan demasiado rápido", di Mercedes Carramal. José Alonso lembra o "polo interese baila o can" e censura a actitude da administración: "o que non vexo normal é que o fagan todo así, poñémolo no BOE e punto, non se pode abusar así da xente... como ao final o fagan eu póidome encadear a unha máquina"."Eu teño moitas fotos no móbil aquí, de como nace o sol, e despois que vou ver aí, un muíño?".
Pero un muíño de vento, opina Iñaki López, cambia cando o miras dende a cidade ou dende o campo: "a imaxe da cidade cara o rural é máis romántica e parece que nos colocan os aeroxeneradores e ata quedan ben: 'míraos alí producindo a súa enerxía verde'". El considera importante concienciar de que "cando vas ao monte e o ves sucio ou limpo velo limpo ou sucio pola nosa culpa". E falando de rural e de cidade ve unha réplica: o tecido que se está a xerar é o mesmo que o do 15M, a mesma estrutura. Unha acampada nunha praza, logo outra acampada noutra. "A xente chámame para copiar algo que eu xa copiei a outra xente, estámonos a pasar ferramentas tal e como se fixo naquel momento só que agora somos pequenas aldeas, non unha masa crítica que supoña moitos votos".
Ou non o parece porque, matiza, o ataque ao rural está acontecer no conxunto do Estado e "por iso ALIENTE está a tratar dicir: non, non somos poucos, somos centos de miles de afectados". E malia que é a xente da contorna a que vive vencellada ao territorio e a súa economía depende del, a obriga de coidalo, lembra que a paisaxe é de todos e que a xente debe sabelo cando vai ao camping das Fragas do Eume. Tamén o son, iguala, a Ermida e o Castelo de Castrove.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.