Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/08/2021 | Actualizada ás 13:52
Galicia destina 8,95 euros por habitante ás bibliotecas, 1,6 euros menos que no conxunto do Estado (10,55 euros), segundo as últimas estatísticas de 2019 sobre bibliotecas correspondentes publicadas polo Ministerio de Cultura. Tras a realización dun informe sobre a situación, a Asociación de Profesionais de Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad), indica que, en xeral, "os datos non son bos con respecto aos do conxunto do Estado".
Segundo os indicadores analizados, Bamad sinala que Galicia está "por baixo da media estatal en todo excepto no número de documentos por habitante". Así, considera necesario "mellorar as partidas orzamentarias" e controlar as políticas dos concellos en contratación de persoal non especializado ou recorrer a persoal doutros servizos para cubrir os postos.
A citada asociación reprocha á Xunta que non desenvolvese aínda unha "lexislación bibliotecaria aprobada fai nove anos" que require unha regulamentación. Ademais, reclama a implicación de todas as administracións para pór en marcha "servizos bibliotecarios móbiles e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello".
Bamad avoga por "garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade". Entre os aspectos positivos, a citada asociación destaca que en Galicia o número de documentos por habitante está por encima da media estatal, aínda que explica que, "non ten porque ser un dato necesariamente bo e é necesario realizar unha avaliación da colección nas bibliotecas".
Outro aspecto positivo ao que se fai referencia é que se mantén a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas, que alcanza practicamente a totalidade das mesmas. Este dato, indícase, ten especial relevancia no que se refire ao conxunto da poboación inscrita nas bibliotecas, "xa que no proceso de incorporación á rede corríxense erros e depúranse duplicados, polo que os inscritos descenden desde hai anos situándose ao redor do 30 % da poboación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.