O custo millonario das especies exóticas invasoras: o eucalipto, a segunda que máis gastos xera en España

Calcúlase que só en España, as especies invasoras supuxeron un gasto de 232,5 millóns de euros entre 1997 e 2020, con Galicia en quinto posto. No mundo, as estimacións son de 1,10 billóns de euros nas últimas cinco décadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

232,5 millóns de euros entre 1997 e 2020. Ese é o custo causado polas especies exóticas invasoras en España, segundo os cálculos publicados por un grupo de investigadores da Universidade Paris-Saclay (Orsay, Francia), o Instituto de Botánica da Academia Checa de Ciencias e a Universidad Nacional del Comahue (San Carlos de Bariloche, Arxentina).

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/.
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/.

As especies exóticas invasoras poden causar importantes impactos socioeconómicos e ambientais negativos, que inclúen a perda de biodiversidade, cambios no funcionamento dos ecosistemas, impactos sobre a saúde e o benestar humano e grandes perdas económicas. Actualmente, o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras rexistra 193 especies foráneas que xa estableceron poboacións invasoras en distintos puntos do Estado. 

Co obxectivo de avaliar o impacto económico en España, estes investigadores recorreron a InvaCost, unha base de datos pública dos custos económicos das invasións biolóxicas en todo o mundo, e solicitaron datos aos gobernos autonómicos e autoridades estatais, o que deu lugar a 3.260 entradas de custos relacionados coas especies exóticas invasoras.

Considerando só datos sólidos –é dicir, excluíndo os custos extrapolables, potenciais (non ocasionados ou esperados) e de baixa fiabilidade–, os custos económicos en España estimáronse en 232,54 millóns de euros desde o ano 1997.

Os datos indican que se pasou de 4 millóns de euros ao ano antes do ano 2000, a unha media de 13 millóns nos últimos anos.

Os datos sólidos mostraron que a maioría dos custos reportados en España polo impacto das especies exóticas invasoras (máis do 90%) corresponden a custos de xestión, mentres que os custos dos danos só se atoparon en dúas das 174 especies con custos notificados.

Eses custos económicos dependen principalmente das administracións autonómicas e interrexionais, que gastaron, segundo este estudo, a maior parte dos custos en accións de xestión posterior á invasión, o cal vai “en contra de todas as directrices internacionais, que recomendan investir máis en prevención”, advirten os autores do traballo.

“Os nosos resultados mostran que os custos económicos das accións de xestión previa á invasión relacionadas con problemas de bioseguridade, como a detección e alerta temperá, a avaliación de riscos ou as análises de priorización, constituíron menos do 1% de todos os custos; mentres que a maioría dos custos económicos (74%) gastáronse en accións de xestión posterior á invasión, como o seguimento, control ou erradicación”, detallan os autores.

Por outro lado, destacan que as administracións autonómicas informaron desigualmente dos custos. Ademais, o 36% das especies invasoras con custos de xestión reportados non foron incluídas na normativa estatal ou europea (é dicir, as listas negras), o que, segundo estes expertos, suxire a necesidade de revisar estas políticas. Ademais, indican, as comunidades veciñas parecen xestionar diferentes grupos de especies.

ATÉ 13 MILLÓNS AO ANO

Os custos informados, observados e fiables para as especies invasoras en España foron de 232,54 millóns de euros entre os anos 1997 e 2020.

O custo medio anual das invasións biolóxicas en España, tendo en conta só os datos sólidos, foi de 9,66 millóns de euros no período de 1997 a 2020.

A maioría dos datos sólidos informáronse entre 2017 e 2020. Os custos anuais aumentaron de 3,76 millóns de euros ao ano antes do 2000 a 13 millóns de euros nos últimos catro anos.

As maiores cargas de gastos (o 92%) foron asumidas por servizos gobernamentais e organizacións oficiais (por exemplo, departamentos de conservación) que destinan esforzos á xestión das especies exóticas invasoras (por exemplo, campañas de prevención, erradicación, programas de control ou seguimento, financiamento da investigación).

Menos do 1% dos custos corresponden a danos económicos mentres que o 92% corresponden a custos de xestión. Tendo en conta só estes últimos, a maioría dos informes de custos das accións consistiron na xestión post-invasión (74%), mentres que houbo gastos relativamente baixos en coñecemento/financiamento (3%, incluíndo educación, comunicación, etc.) e accións de xestión pre-invasión. (1%).

Por competencias, os custos económicos dividíronse case por igual entre administración estatal (33%), interrexionais (30%, como as concas hidrográficas situadas entre comunicades) e autonómicas ( 37%).

O EUCALIPTO, SEGUNDA ESPECIE MÁIS CUSTOSA

A maior cantidade de custos reportouse para plantas (66%, especialmente das ordes Myrtales e Commelinales), seguidas dos artrópodos (12%, principalmente insectos) e os moluscos (11%, principalmente bivalvos).

A maioría dos custos corresponderon a especies de ambientes terrestres (53%), mentres que os acuáticos e semiacuáticos contribuíron cun 35% e un 5% dos custos, respectivamente, sendo o número de entradas moito maior para os ambientes terrestres.

A especie máis custosa é a Eichhornia crassipe (xacinto de auga), seguida polo eucalipto, ambas as dúas por riba dos 50 millóns de dólares.

Informouse, ademais, que o 10% do custo total ocorreu especificamente en áreas protexidas. Unha porcentaxe que, para estes autores, suxire “unha menor información de custos ou un investimento menor na xestión das especies exóticas invasoras en áreas protexidas que en terras non protexidas, o que é preocupante dados os altos impactos ecolóxicos das especies exóticas nas áreas protexidas do país”, advirten.

As dez especies exóticas invasoras con maiores custos son as que se mostran na seguinte táboa, con datos deste estudo:

Epecies

Custo
(millóns de dólares)

Eichhornia crassipes

55,63

Eucalyptus sp.

50,25

Rhynchophorus ferrugineus

24,12

Arundo donax

13,98

Cenchrus setaceus

10,13

Neovison vison

7,91

Pomacea maculata

6,20

Vespa velutina

5,33

Carpobrotus sp.

4,92

Cylindropuntia rosea

2,92

DIFERENZAS POR COMUNIDADES

Entre as comunidades autónomas atoparon diferenzas, tanto na cantidade dos custos orixinados como no número de entradas.

“Ambas variables mostraron patróns diferentes; por exemplo, Valencia informou dun elevado número de entradas detalladas (é dicir, incluíndo información puntual, localización, tipo de xestión, etc.), mentres que os seus custos non foron tan altos como os reportados por outras comunidades, como Murcia e Canarias. Noutros casos, por exemplo, Cataluña, un número elevado de entradas corresponde a unha elevada cantidade de custos”, explican os investigadores.

Valencia foi tamén a comunidade autónoma que rexistrou o maior número de entradas, de 2009 a 2019, seguida de Cataluña, de 2014 a 2018, mentres que Canarias presentou os maiores custos reportados, seguida de Murcia, Cataluña, Valencia e Galicia. Castela e León e A Rioxa rexistraron os custos máis baixos.

O número de especies exóticas invasoras xestionadas por comunidades tamén diferiron entre territorios, variando de 1 a 111.

En comparación con outros países da conca mediterránea, España foi o quinto país máis impactado en canto aos custos observados asociados ás especies exóticas invasoras, despois de Francia, Italia, Libia e Turquía.

Segundo os autores deste traballo, o seu estudo é “o primeiro que tenta avaliar economicamente o impacto das especies exóticas invasoras en España” e os seus resultados “suxiren a necesidade dun maior investimento para comprender os custos de danos”.

Os expertos consideran necesario crear un organismo estatal para “coordinar de xeito eficaz as accións de xestión, e facilitar a comunicación e a colaboración entre gobernos autonómicos, axencias estatais e países veciños responsable da xestión das especies exóticas invasoras”.

Como exemplo poñen a Secretaría de especies non autóctonas no Reino Unido.

CUSTO MUNDIAL

Este mesmo ano, investigadores do Centro Nacional de Investigación Científica (CRNS) de Francia publicaron outro estudo no que calcularon que os danos económicos causados polas especies invasoras ascenden a 1,10 billóns de euros nos últimos 50 anos, unha cantidade semellante ao PIB español de 2019.

A investigación, que se fixo tamén sobre a base de datos InvaCost, mostra que as especies invasoras danaron o rendemento de colleitas, infraestruturas nacionais críticas e a saúde humana, e desviaron miles de millóns dos contribuíntes cada ano, pero está a facerse moi pouco porque os responsables da toma de decisións e o público non recoñecen ben o seu impacto.

Ademais, advirten de que a factura anual se triplicou na última década: “Esta factura non mostra ningún signo de desaceleración, cun aumento consistente de tres veces por década” sinalan os autores.

“As nosas estimacións globais anuais significan a enorme carga económica, cun custo medio que supera o produto interior bruto de 50 países do continente africano en 2017, e é máis de 20 veces superior aos fondos totais dispoñibles para a Organización Mundial da Saúde e a ONU xuntos”, engaden.

E descubriron que os custos se duplican aproximadamente cada 6 anos, un patrón que, din, “imita o continuo aumento do número de especies exóticas en todo el mundo”.

Estes investigadores concluíron que os factores que máis pesan para o agravamento destes episodios invasores son a globalización e o cambio climático, pero tamén a crecente ocupación de terras da superficie do planeta e a expansión da agricultura.

Por todo isto, pediron “acordos políticos internacionais para reducir a carga das especies invasoras".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 BeneB

¿Cantos incendios se provocaron ou custaron muito máis apagar polo eucalipto? ¿Cal é o sobrecusto do sistema de extinción pola masiva extensión do eucalipto? o de sempre, beneficio privado e custo da desfeita, público. Eu propoño que se lle aplique un imposto para apagar os lumes, así nin para ti nin para min. Eu non teño que pagar o beneficio de ninguén cos meus impostos.

1 Avogado do Diaño

Eucalipto 50 millóns de dólares en 23 anos, e dicir, algo máis de dous millóns de dólares ao ano.... Canto se ingresou por cortas neses anos? Cantos postos de traballo se crearon? Canta poboación se fixou no rural? Son preguntas que tamén temos que facernos... E ver se compensa, claro....

1 Pilotinho Noia

Iso son os custes directos. Faltan os custes de incendios, perda de turismo pola desfeita da paisaxe, e por non falar das alteracións na auga, perda de biodiversidade, desfeita no patrimonio...