O’Gurugú

A guerra de Marrocos tivo unha importancia extraordinaria para as comunidades labregas. Milleiros de mozos campesiños morreron na loita colonial contra os rifeños. Aparte do sangue derramado, a experiencia para os sobrevivintes tivo moita importancia para modelar a cosmovisión da xente nosa.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 21/01/2014

Comparte esta noticia
Alá pasaban cousas fascinantes, como relataba Cunqueiro nos seus contos de mouros lugueses irmanados coa mourindade de alén mar. Nas trincheiras xurdiu un xornal en galego, da man de Brea Segade, Otero Espasandín e Rafael Dieste. No Museo do Pobo Asturiano podemos ver aínda un retrato de guerra dunha parella de soldados, un coa gaita e o outro coa caixa. Cousas marabillosas. 
 
Como dicía, a guerra contra o mouro influiu na vida cotiá da xente de aquén mar. Mesmo a toponomia reflicte este feedback. A cabaleiría de elite do Exército Español adestrábase nun outeiro ao sur de Alcalá de Henares que recibiu o nome do cumio Gurugú, a cota máis elevada sobre a costa do Estreito, na Serra de Nador, sobre a cidade de Melilla. Este nome de lugar serviu de alcume  a barrios empoleirados de cidades españolas. O Gurugú indicaba a súa posición elevada mais tamén era empregado de xeito despetivo para referirse a zonas urbanas menos desenvolvidas. Un caso paradigmático é o Gurugú na cidade herculina. Aínda hai pouco puiden ver noticias dos anos 30 coa inauguración da primeira traída de augas á barriada. A obra chegaba despois da repoluda loita reivindicativa dos veciños, barudos, afoutados e teimados aos ollos dos coruñeses de pro.
 
No monte Gurugú, sobre Melilla, morreron moitos rapaces galegos, os que non puideron pagar a exención ou non tiveron ocasión de fuxir a América. Os camposantos galegos están inzados de laudas cos nomes destes homiños e das paraxes africanas nas que faleceron. Cidadáns subalternos condanados á explotación, á emigración ou á morte por un Estado controlado polos señoritos. Hai pouco, nunhas xornadas sobre Arqueoloxía española no exterior, en Oviedo, uns colegas presentaron un valioso traballo de inventario sobre as fortificacións españolas vencelladas coa Guerra de Marrocos. Detrás desa arquitetura de medo e represión, agóchase unha historia terrible. A aviación española ten a “honra” de ser a primeira en gasear poboación civil. Son coñecidas as fotografías dos soldados pousando coas cabezas, mans e orellas de rifeños abatidos. Si, España deixou una fonda pegada nun sitio ao que denominaban Protectorado, menos mal.
 
Hoxendía, o Estado segue a protexernos no valado de Melilla. No monte Gurugú acobíllanse como animais salvaxes os inmigrantes subsaharianos, nas mesmas covas e rochedos onde se gorecían outros emigrantes galegos hai case cen anos (cando van  coma rosas, cando volven, se volven, voltan como negros). As forzas e corpos de seguridade do Estado empregan coiteliñas como método preventivo. O ministro de Interior ten sinalado que non son agresivas.
Cando un leva tempo escavando trincheiras pode facerse unha idea do que é a guerra. Maxinade a eses rapaciños de Valga, Mondoñedo ou Xinzo, en 1921, termando dunha botella de coñac, cagados de medo, mexando por si, feridos, e presos do pánico, agardando unha nova orde para dirixirse á morte.
 
Onte, na televisión, vin moreas de rapaces negros, cos pés e as maos acoiteladas, tremendo de medo, coa ollada dos cen metros nos ollos, como lobos acurralados polos humanos. Imaxes vergoñentas que me fan sentir noxo de formar parte deste país de merda. As coiteliñas non son agresivas, son disuasorias e causan únicamente feridas de carácter superficial, segundo o ministro. O señor Fernández Díaz tería que ter un fillo que decidira botarlle collóns á vida e camiñar durante dous ou tres anos dende o golfo de Guinea até o monte Gurugú, e debería ver cos seus propios ollos como o seu fillo é acoitelado por un país civilizado e moderno. O señor Fernández Díaz e os que controlan este país non saben o que son os dereitos humanos; se non o saben para coas vítimas do franquismo, que non van facer cuns inmigrantes que por riba sonnegros. 
 
Uns negros que levan a sanguiñenta marca España na pel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA