Acusan á Xunta de "intrusismo laboral" polo seu último plan para os centros públicos

Os traballadores sociais de Galicia consideran que o "acompañamento" de alumnado vulnerable debe ser desenvolto por profesionais titulados, e non por docentes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vén de lanzar un toque de atención á Consellería de Educación polo lanzamento da Rede Galega de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia. Este novo servizo da Xunta, enmarcado no Plan Recupera, oriéntase a facer un seguimento especializado do alumnado máis vulnerable do sistema público, traballo que se desenvolvería en colaboración coas súas familias.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinan un convenio. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinan un convenio. XUNTA

Dende O COTSG consideran que a decisión da Xunta de cargar este labor sobre os profesionais docentes --que, por outro lado, se verán reducidos en número de acordo con CIG-Ensino-- incorre nun caso de “intrusismo laboral”, xa que consideran que os amentados docentes, á parte de non contar coa titulación precisa para carrexar a tarefa, non poderán desenvolvela con esta “atención integral transversal” que precisa.

“A atención e intervención social prestada por profesionais non cualificadas a persoas especialmente vulnerables que requiren de unha atención integral transversal e con coñecementos específicos no ámbito nunca podería acadar os parámetros mínimos de calidade esixibles a unha Administración comprometida coa defensa dos servizos públicos”, aseguran dende o Colexio.

SEN RESPOSTA DA CONSELLERÍA

O COTSG entende, pois, que se precisan profesionais especializados en Traballo social para a procura de solucións integrais ás situacións complexas que se pretenden abordar no eido educativo a través da Rede Galega de Acompañamento e Orientación persoal e familiar. De aí que o colexio demandara á Administración unha modificación do plan, se ben non chegaron sequera a recibir resposta da Consellería en cuestión. 

“Coa modificación da Resolución e a incluso da figura do Traballo Social nas UACO, haberá garantía dunha inclusión social educativa profesionalizada e interdisciplinar para prestar efectivamente servizos públicos de calidade para ao alumnado, familia e toda a cidadanía, amosando así mesmo a total colaboración deste Colexio Profesional para calquera información, asesoramento ou consulta que sexa precisa”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta