O Parlamento Galego retomará a actividade cun pleno sobre o baleirado de encoros

A inciativa de debate foi proposta polos tres grupos. Tamén comparecerá Román Rodríguez, cuxa carteira --Educación-- está a ser criticada polo recorte de docentes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2021 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A situación da Atención Primaria do sistema público de saúde e o baleirado dos encoros por parte das empresas hidroeléctricas centrarán o primeiro pleno do novo período de sesións, no que o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, comparece para analizar o inicio do novo curso 2021-2021 e as actuacións adoptadas fronte á covid.

Deste xeito, segundo avanzaron os grupos tras a reunión da Xunta de Portavoces, a líder do BNG, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control para preguntarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre as medidas que prevé pór en marcha ante as "listas de espera" nos centros de saúde. Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladaralle os "erros da Xunta no verán" na sanidade ou o pasaporte covid.

O BNG tamén preguntará á Xunta pola polémica xurdida por mor de coñecerse o baleirado de encoros por parte das empresas hidroeléctricas. Este asunto, ademais de polos dous grupos da oposición, tamén foi levado á Cámara galega polo Grupo Parlamentario Popular.

Os nacionalistas, ademais, pediron a comparecencia de Feijóo para explicar a decisión do TSXG sobre o certificado covid, unha petición que foi rexeitada. Precisamente, por este rexeitamento da xustiza á medida implantada polo Goberno galego preguntará o PSdeG á Xunta, ademais de tratalo na sesión de control.

Todo iso nun pleno no que o Partido Socialista de Galicia introduce outros asuntos a través dunha proposición non de lei na que esixirá impulsar un novo modelo de servizos xeriátricos, así como mediante unha moción relativa ás candidaturas galegas a recibir o recoñecemento como patrimonio por parte da Unesco.

INICIATIVAS DO PPDEG

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario Popular defenderá unha proposición non de lei para abordar a "falta de médicos" en Atención Primaria e esixir ao Goberno unha convocatoria de prazas MIR extraordinaria e que habilite os centros de saúde necesarios como acreditados para dar formación a estes especialistas.

Ademais, a través doutra proposición non de lei, o PPdeG reclamará que o Executivo estatal adopte medidas estruturais que afecten o prezo da enerxía. Así, pide que utilice a normativa europea para adaptala aos consumidores vulnerables e ás empresas que utilizan a enerxía de forma intensa para que poidan ser competitivas con relación ao conxunto de Europa.

Os populares galegos preguntarán á Xunta sobre o impacto da Lei galega de garantías sanitarias desde a súa entrada en vigor, así como polas actividades desenvolvidas para favorecer a conciliación, como os campamentos de verán.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta