Nestas dúas semanas en Gasteiz calquer individuo destes que temos unha tarxeta cidadá puidemos coñecer de primeira man o caso de Gamonal. A primeira ocasión foi nun Centro Cívico da capital, nun acto organizado por mozos comunistas. A segunda foi onte na propia Universidade, onde o antropólogo urbano Manuel Delgado e veciños de Gamonal falaron sobre cidade e democracia. O curioso é que Vitoria está gobernada polo PP, por un economista que se pronunciou publicamente contra a homofobia do seu partido, un fulano que algo ten que dicir sobre a oferta cultural dos centros cívicos. Non imaxino ao PP do Señor dos Peares sen exercer a censura. É imposible que o repóquer de imputados do concello compostelán non censure o que se fai nos centros socioculturais. Para os peperianos galegos, os de Gamonal son delincuentes que xamais poderán ter voz nunha institución pública, non coma eles. Quen son os delincuentes?
A xente do común está ata o carallo, xa sexa en Kiev ou en Rodeiro. Este sábado pasado fun testemuña dun espontáneo acto simbólico nunha rúa peonil da cidade de León. Familias enteiras, xente de orde, desfrutaban do serán. Un grupo, no que había una morea de nenos, escoitaba leda as pezas que interpretaba un músico de rúa, un home andado, de barba branca e correitos modais, armado cun acordeón. Nun momento dado, unha parella de policías municipais achegáronse onda o músico e seica lle solicitaron que marchase se non tiña licencia para guindar notas ao ar. A xente alí concentrada comezou a asubiar, a encher de cartos a bolsa do músico e a increpar aos policías que, todo hai que dicilo, estaban coas fazulas vermellas da vergonza. Ata un grupo de fulanos que ían disfrazados de Indiana Jones, formando parte dunha despedida de solteiro, tentaron convencer ao músico que levase os cartos a Suíza, que se disfrazara de Bárcenas para que lle fora millor a próxima vez. Cando a muller-policía comezou a falar co músico, os cidadáns comezaron a berrar: Que se biquen, que se biquen! Loxicamente un músico de rueiro, ente perigoso, ten que pasar exames, pagar tarifas e cumprir con Facenda. É un inimigo do sistema corrupto. Mellor que as actividades culturais e musicais sexan contratadas polo Concello de turno a empresas amigas e que os cartos vaian ao peto debido e non ao pucho dun músico que a saber onde meteu as mans, que noxo! O que semella unha anécdota inocente non o é tanto. Dá rabia comprobar como xente da miña idade considera normal a acción dos municipais, todos somos iguais ou que se cre o músico do carallo, que eu non pago hipotecas e impostos. Os sistema domestica. Por iso a desobediencia civil é o cabalo de batalla do autoritarismo.
Observando o caso do trotamúsico leonés, cheguei á mesma conclusión cá dinastía baltárida. Segundo informa o GC, baltarjúnior informa á plebe de que “a erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente". Cómpre depurar a clase política, e o Mussolini auriense xa se puxo maos á obra. A Deputación de Ourense será a primeira de Galicia en contar cunha normativa específica en materia de ética e boa conduta, situándose así na avangarda nacional neste ámbito. Por fin se sitúa nos postos de cabeza a provincia de Ourense, a pechacancelas de todos os índices de desenvolvemento e calidade de vida do Estado.
Baltarciño vai depurar a política galega, amigos e amigas. Non me extraña que a Deputación que preside un tipo cuspidiño a el, vén de ser denunciada pola UE por supostas irregularidades nos cartos facilitados para a construción de depuradoras. Claro, están atascadas pola cantidade de caciques e alcaldes corruptos que conseguiu depurar este adalide da democracia. Menos mal que puxo ao seu pai de tapón, para que non escapen.