Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/11/2021 | Actualizada ás 12:10
Independencia, soberanía, autodeterminación ou República Galega?... O BNG leva anos xogando con esta terminoloxía, usando unha ou outra segundo o momento, pero o certo é que estas catro palabras definen perfectamente os obxectivos políticos da organización nacionalista desde o seu nacemento e aos que nunca renunciou.
É certo que nesta asemblea o maior debate deuse, precisamente, na ponencia política e en todo o relativo aos principios políticos, ideolóxicos e valores do BNG. Tamén no tocante á ideoloxía de xénero, un punto que os nacionalistas non tiñan explotado amplamente como si o levan facendo desde hai anos os podemitas.
O XOGO DE PALABRAS COA REPÚBLICA GALEGA
Houbo comarcas concretas e pequenos grupos organizados do BNG que quixeron dar batalla na pasada asemblea nacional sobre a necesidade de fixar unha postura clara sobre o papel que o BNG debe xogar no marco estatal. E insistiron que, para iso, debe aspirar, claramente, cara á independencia e unha República Galega, terminoloxías, por outra banda, xa utilizadas en anteriores relatorios do Bloque.
Neste sentido, a comisión redactora dos documentos políticos rexeitou unha emenda da comarca da Coruña na que se quería facer explícita a necesidade de "defender os intereses como pobo e ter un futuro colectivo baixo un Estado Galego democrático, laico e republicano, a República da Galiza".
Na defensa da ponencia política aprobada finalmente, Rubén Cela asegurou que non hai "camuflaxe" nos textos e proclamou que "o BNG non é independentista". "Isto é unha fronte política e a casa común de todos os nacionalistas", defendeu, antes de esgrimir a vocación "soberanista" da formación e os distintos camiños que se poden defender todos eles dentro da organización: pódese defender cun estado, a través dun estado confederal, unha confederación ibérica (como dicía Castelao) ou un modelo xenuinamente federal.
Por iso, advertiu de que definirse como independentista "deixa fóra" outras formas da defensa nacionalista, do mesmo xeito que se só se apoia unha vía confederal. "Ese nunca foi o camiño do BNG", remarcou, remontándose aos documentos fundacionais da formación para continuar, explicando no seu rexeitamento ás emendas que ían nese sentido, que para o BNG a soberanía non é votar un día en referendo, senón "un proceso de autoorganización do pobo".
NON INDEPENDENCIA PERO SI ESTADO SOBERANO
Con todo, e ante a presión dun sector minoritario, pero importante, decidiuse incorporar a “Carta de principios políticos, ideolóxicos e valroes do BNG”, aprobada na XVI Asemblea Nacional de marzo de 2017, a última antes da do pasado domingo que celebrou a formación frontista. O documento político aprobado leva ademais un engadido “Texto non enmendábel: Acordouse inserilo no Relatorio para coñecemento da militancia, tendo en conta a súa vixencia”.
E que di este document?. Entre outras cousas que "o BNG é unha organización nacionalista porque defende a Soberanía Nacional e a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano, democrático, laico e republicano, a República da Galiza”. Foi a única concesión feita ao sector máis soberanista e independenstista do Bloque. É dicir, que a pesar de que Rubén Cela dixera en público que o Bloque non é “independentista”, de facto, si que o é, se se ten en conta este documento no que se fala abertamente dunha República galega e dun Estado soberano ao que se chegaría, obviamente, a través da “independencia”.
A RELACIÓN CON BILDU E ERC
Pero non é a única concesión aos “independentistas” ou soberanistas. O texto político aprobado o pasado domingo recolle un apartado que non foi dado a coñecer aos medios ou que a ningún medio lle interesou resaltar. É o relativo á actuación do nacionalismo galego no Congreso.
E, neste apartado do documento recóllese textualmente: “nese labor de exixencia de avances democráticos e de respecto polos dereitos dos pobos, é preciso reforzar a colaboración coas forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas das outras nacións do Estado e fortalecer unha dinámica de traballo conxunto que beneficie o avance dos movementos en prol da autodeterminación dospobos e, por tanto, da soberanía da Galiza”.
É dicir, queda claro que o Bloque, a pesar dalgunhas voces internas que non ven con bos ollos pactos con estas forzas, non vai de deixar de colaborar con Bildu ou ERC no conxunto do Estado para avanzar en intereses comúns, que para vascos e cataláns son a independencia e para os galegos a “soberanía popular”.
INDEPENDENCIA
O que é certo é que en todo o documento político aprobado nesta asemblea en ningún momento se fala abertamente de “independencia”. Un termo que tampouco aparece na asemblea do 2017 na que si se insiste nunha “República Galega”, pero que si aparece recollido na asemblea do 2016, cando o Bloque estaba en horas moi baixas e reafirmou a súa aposta máis soberanista e independentista para facer fronte á irrupción de Unidas Podemos e de En Marea.
O 28 de Febreiro de 2016, nesa XV Asemblea Nacional un dos textos aprobados deixaba claro que “o exercicio da soberanía, a libre elección e capacidade de decidir, só se pode concretar quer nunha confederación de estados-nacións libres, que pactan para vivir unidos en igualdade, quer na independencia. Estas son as únicas alternativas para a Galiza avanzar. Por iso o BNG reafirma a aposta estratéxica nun Estado galego soberano, a República da Galiza. Todo o que contribúa nesta dirección pode e debe ser apoiado”.
Precisamente, hai ben pouco, eran os propios militantes do BNG, e algúns dirixentes desde o palco, os que berraban “independencia”, “soberanía” e “poder popular”. Foi en xullo deste ano, na tradicional manifestación do Día da Patria, unha masiva protesta na que participou Oriol Junqueras e na que se pediu "independencia" e unha "República galega".
Entón, se o BNG non deixou de ser “soberanista” e de apostar por unha “República Galega” e por un “Estado soberano”, por que deixou de utilizar a palabra “independencia” na súa tese política?... Quizais a presión de poderes fácticos e mediaticos e a necesidade de dar unha imaxe de moderación --que é o que ten pedido insistentemente a súa líder-- estean detrás desta estratexia no uso da terminoloxía. Precisamente, é máis unha cuestión de forma que de fondo, aínda que estas formas sigan sen gustarlle a determinados sectores duros da formación frontista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.