Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2021 | Actualizada ás 13:01
A directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, informou de que a Xunta presentou alegacións --ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica-- ás solicitudes de Iberdrola de dous parques de eólica mariña en cabo Ortegal (proxecto chamado San Brandán) e A Mariña ( o de San Cibrao), os cales "non deberían admitirse a trámite" mentres non se aproben os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM).
En resposta a unha pregunta do BNG na comisión de Pesca, a directora xeral explicou que Iberdrola presentou eses proxectos o 17 de xuño de 2021, cando non estaban aprobados os plans de ordenación, que seguen en tramitación --dependentes do Ministerio--. Remarca que ese é o instrumento "chave" da planificación, pois supón a ferramenta de referencia para usos e actividades, coa que "se identificarán as localizacións máis idóneas" para instalacións de eólica offshore.
De tal forma, a Xunta presentou esas alegacións, saídas do consenso do Observatorio da Eólica Mariña, nas que se advirte de que "non procede avaliar ningún tipo de proxecto", nin tan sequera no trámite ambiental de consultas previas, "mentres non se aproben definitivamente as zonas onde se poden implantar proxectos eólicos offshore".
Cada un dos dous parques eólicos mariños flotantes que expón Iberdrola teñen un potencial de 490 megawatts, así como as súas correspondentes liñas de evacuación e subestacións terrestres. Dado que o Goberno central "aínda non aprobou" os plans de ordenación do espazo marítimo, e "mentres non se aproben", "non ten sentido a avaliación de ningún tipo de proxecto en concreto". Ademais, Uría avisa da necesidade de que exista un trámite de concorrencia en cada zona. A este respecto, avoga por ir "paso a paso".
Igualmente, a directora xeral puxo en valor do observatorio creado este ano en Galicia sobre eólica mariña, que se divide en tres grupos de traballo relativos a: normativa, innovación e impacto social. Sobre este extremo, indica que o desenvolvemento de parques eólicos mariños poden supor a creación de "máis de 12.000 postos de traballo" en Galicia, mentres se prevé que o seu desenvolvemento supere en 2030 o potencial enerxético da eólica terrestre.
O BNG ALERTA DE RISCOS PARA A PESCA
Respecto diso, a deputada do BNG Rosana Pérez alertou da "grave afectación sobre caladoiros e actividade pesqueira" que supón a eólica mariña en Galicia. Xunto a isto, Pérez reclamou que a Xunta debe "ter decisión na autorización de calquera proxecto na costa", polo que pide ao Goberno galego "facer valer as súas competencias" e "situarse claramente en favor do sector pesqueiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.