Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 12:40
O popular 'Salvados' de La Sexta abordará a problemática da planta de ENCE en Lourizán, Pontevedra. Así o fixo pública a propia conta de Twitter do programa unhas horas atrás cun vídeo promocional protagonizado por Fernando González 'Gonzo', que tomou as rendas do espazo televisivo construído por Jordi Évole meses atrás.
A mí me suena de algo. pic.twitter.com/McqQel9hDv
— Salvados (@salvadostv) November 17, 2021
O programa, que se emitirá este domingo 21 a partir das 21:25 horas, abordará a situación da planta pasteira nun momento particularmente delicado polas presións sociais que se veñen exercendo de longo e, sobre todo, polas sentencias da Audiencia Nacional que botaron abaixo a prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016 á pasteira.
Neste momento, a cuestión legal está en mans de Tribunal Surpremo, que pouco atrás admitiu a trámite un recurso contra a decisión da Audiencia Nacional. O tráiler o programa deixa claro que contará coa participación da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), unha das plataformas máis implicadas no combate contra a planta, da man da integrante Leonor González.
A propia González subliña que na loita contra ENCE se enfrontan a "líderes moi poderosos", imaxe que vai acompañada dun breve plano do xornalista galego co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Precisamente, a Xunta vén loitando nos últimos meses para asegurar a permanencia da planta en Pontevedra a través da adscrición dos terreos do complexo ao Porto de Marín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.