Científicos galegos descobren beneficios na realidade virtual inmersiva para tratar o párkinson

Consideran que esta tecnoloxía ofrece unha experiencia segura e positiva aos pacientes. E un estudo feito en Galicia mostra os beneficios dos programas de exercicio físico para persoas coa enfermidade de Parkinson.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A realidade virtual inmersiva (RVI) é a representación de escenas ou imaxes de obxectos xerada por un programa informático que, a pesar de ser unha contorna artificial simulada, brinda unha sensación bastante realista. Trátase dunha tecnoloxía coa que xa se está experimentando en áreas como a medicina, márketing e publicidade, deseño ou enxeñería, entre outros campos, ofrecendo a máxima experiencia de inmersión mediante aparellos interconectados como un casco conectado a unha computadora ou sensores de movemento conectados ao corpo, facendo que a persoa sinta que de verdade está nese mundo virtual.

Realidade virtual na exposción 'Galicia, un relato non mundo'. XUNTA
Realidade virtual na exposción 'Galicia, un relato non mundo'. XUNTA

No campo da medicina, a RVI estase aplicando, por exemplo, na rehabilitación física e funcional de persoas con párkinson. Pero, que se sabe sobre a súa eficacia nestes pacientes? Investigadores da Universidade de Vigo (UVigo), do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur revisaron a literatura científica existente sobre a implementación da RVI como apoio ao tratamento do párkinson. E semella que está a ser positiva.

Hai consenso científico, de momento, en que se trata dunha “experiencia segura, positiva e factible”

Ao analizar a evidencia actual publicada no campo da rehabilitación física e funcional do párkinson en contornas completamente inmersivas, constataron que hai consenso científico, de momento, en que se trata dunha “experiencia segura, positiva e factible”. Con todo, apuntan, os estudos son “poucos” e, na súa maioría, os resultados foron froito da “aplicación dunha única sesión”, polo que “se fan necesarias máis investigacións de maior calidade metodolóxica, maior tamaño  muestral, cun proceso de control  aleatorizado e protocolos que confirmen os resultados, á vez que analicen o seu impacto nas variables físicas e funcionais vinculadas á patoloxía  parkinsoniana”, apuntan.

En todo caso, hai xa resultados preliminares que fan ser optimistas aos científicos, xa que “os resultados achados nas variables vinculadas ás capacidades funcionais que se deben mellorar na enfermidade de Parkinson apoian potenciais beneficios no tratamento da sintomatoloxía prevalecente do paciente”, explican.

Como lembran os expertos galegos, “nos últimos anos, a realidade virtual adquiriu unha gran relevancia na rehabilitación de disfuncións motoras e non motoras en pacientes de orixe neurolóxica e tamén no mantemento de capacidades funcionais no colectivo sénior”.

E coa aplicación da RVI (un paso máis avanzado na realidade virtual), o paciente pode “desenvolverse en actividades ou tarefas comparables a situacións reais, o que permite unha gradación da súa intensidade ou a súa dificultade e, finalmente, ofrecer información en tempo real dos logros obtidos”, salientan.

Os investigadores galegos identificaron unha serie de características sobre o estado actual desta tecnoloxía no campo do tratamento do párkinson. Por un lado, observaron que se trata dunha “tecnoloxía novel” nesta área, con “resultados preliminares obtidos tras a realización dunha única sesión na maioría dos estudos”. E aínda que se necesitan máis estudos, eses primeiros resultados “describen unha experiencia positiva e factible”.

Tamén é salientable para os investigadores o feito de que meses estudos “non se atoparon síntomas adversos importantes relacionados co cybersickness ou ‘mal do simulador’, tras a realización das correspondentes sesións de RVI”, se ben, matizan, nun dos estudos se produciu un abandono por este motivo e nalgúns experimentos non se avaliou esta variable (o cybersickness  é unha condición que pode ocorrer durante ou despois da exposición a un ambiente virtual e pode inducir síntomas como dor de cabeza, fatiga ocular,  náuseas ou, en casos extremos, vómitos).

A investigación neste campo aínda está nunha “fase experimental”, con “poucos ensaios clínicos”

En canto ao software empregado nas probas, principalmente baseouse en diferentes propostas con videoxogos e/ou experiencias interactivas co obxectivo común de promover movementos funcionais nos participantes (tarefas físicas específicas).

“Ata onde chega o noso coñecemento, esta revisión sistemática é a primeira que informa sobre a RVI aplicada en enfermos de párkinson baseada en terapias por exercicio”, destacan os investigadores de Galicia, que sitúan aínda nunha “fase experimental”  o uso da realidade virtual inmersiva, con “poucos ensaios clínicos”. Con todo, salientan, “estes esbozan os aspectos fundamentais que hai que ter presente sobre o uso, a factibilidade e a idoneidade da RVI como ferramenta de rehabilitación na  enfermidade de Parkinson”.

En xeral, as experiencias virtuais centráronse principalmente en adultos maiores con párkinson entre 57 e 75 anos, aínda que tamén se incluíron nalgúns estudos grupos de adultos novos e maiores sans.

En canto ao sexo, resaltan que case todos os estudos contiñan participantes de ambos os sexos, se ben nalgúns só se incluíron homes. Neste sentido, apuntan á necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero, xa que a prevalencia desta enfermidade “decántase cara ao sexo masculino”, polo que “é recomendable que futuros ensaios o teñan presente para obter resultados extrapolables á poboación diana”.

Por outro lado, destacan que ao atoparse en fase preliminar a investigación sobre a aplicación da RVI no párkinson, “a maioría dos estudos avaliaron aspectos intrínsecos” como usabilidade, experiencias e seguridade.

SEGURIDADE

Os expertos consideran que unha das barreiras que levou a unha “pobre penetración” da RVI en colectivos fráxiles foi a preocupación que existe pola manifestación de efectos adversos ligados a exposicións inmersivas. “Para determinar unha contorna segura para a poboación diana, urxe avaliar a posible existencia de cybersickness. Crese que estes efectos secundarios maniféstanse porque os sistemas de realidade virtual utilizados producen un conflito entre as percepcións sensoriais (auditiva, visual, vestibular e  propioceptiva), e poden desencadear mareos, náuseas, fatiga visual ou vertixe”, enumeran os expertos da Uvigo. Con todo, engaden, nos estudos analizados “esta sintomatoloxía non interferiu no normal desenvolvemento das aplicacións, nin tampouco parece influír a condición patolóxica”. Neste sentido, cren que o desenvolvemento tecnolóxico dos visores de realidade virtual empregados e as tarefas seleccionadas, adaptadas aos pacientes con párkinson “foron decisivos neste aspecto”.

“Os colectivos máis fráxiles teñen máis posibilidades de risco nas exposicións a contornas inmersivas”

En todo caso advirten de que “esta variable non se pode considerar resolta, debido a que intervencións máis longas, ou tarefas máis dinámicas con maior carga de aceleración, poderían xerar unha resposta diferente nesta poboación, a miúdo con patoloxías  concomitantes, que, á súa vez, levan consigo tratamento farmacolóxico”. Por iso, consideran que “sería positivo establecer criterios de selección adaptados á patoloxía de estudo, a cal, moitas veces, presenta efectos adversos, como mareos, ou complicacións motoras, como discinesias, o que podería precipitar efectos negativos por exposición á terapia inmersiva”.

Para os investigadores da UVigo, estes aspectos son “capitais”, xa que “os colectivos máis fráxiles teñen máis posibilidades de risco nas exposicións a contornas inmersivas”.  Por iso, e como medida de seguridade, aconsellan establecer sesións guiadas e supervisadas, medidas de control de parámetros fisiolóxicos, como a frecuencia cardíaca e a tensión arterial, sesións de aclimatación ou a administración periódica dun cuestionario aos pacientes nos que se aplica esta tecnoloxía inmersiva, para minimizar riscos no colectivo que se vai estudar.

APLICACIÓNS

Aínda que a aplicación RVI está aínda nunha fase inicial, a realidade virtual non inmersiva conta xa con suficiente experiencia terapéutica para falar de “bos resultados en rehabilitación física e funcional, o que indica un futuro prometedor en patoloxías como o párkinson”, ao ofrecer, ademais, “recursos difíciles de atopar na terapia convencional”. Con todo, segundo os investigadores da UVigo, “estes sistemas non inmersivos baséanse principalmente nunha recreación do movemento físico na pantalla que parece bastante limitado”, mentres que a realidade virtual inmersiva “ofrece unha experiencia máis natural, dado que se produce unha simulación directa do movemento que dá a sensación física de estar dentro dun espazo virtual, logrando unha mellor integración sensomotora”.

Unha vantaxe da experiencia virtual inmersiva é que “proporciona un feedback visual que supón unha estimulación sensorial do comportamento motor do paciente”, destacan.

Ademais, proseguen, “a RVI non só proporciona unha grande estimulación fronte á terapia convencional, senón que podería supoñer unha solución aos problemas de adhesión atopados nela”, isto é, que os pacientes non deixen a terapia. En opinión destes expertos, os sistemas de RVI “poderían favorecer” esa adhesión, “aínda que é unha cuestión sen resolver, dado que a maioría dos estudos desenvolve unha única sesión”, aclaran.

Os escenarios virtuais máis adecuados para estes pacientes semellan ser ecenarios sinxelos e orientados a tarefas motivadoras e divertidas

Outra vantaxe da RVI sería a súa usabilidade, xa que “experiencias persoais positivas  postxogo notificadas polos participantes reforzan a súa idoneidade”. Por iso, consideran que hai que “perfilar os obxectivos terapéuticos e, á súa vez, facer atractivas as experiencias á poboación diana”, o cal redundaría tamén na adhesión ás terapias mediadas pola realidade virtual.

Como ben sinalan, os sistemas de RVI permiten crear “escenarios á carta nunha contorna controlada e segura”. Nos estudos feitos até agora, identificaron desde paisaxes urbanas ou marcianos ideados para camiñar”, até “escenarios de feira onde realizar tarefas motoras de forma estimulante e divertida, ou escenas con obxectos como globos ou cubos que perseguen obxectivos funcionáis”.

Os máis adecuados parecen ser os escenarios sinxelos e orientados a tarefas motivadoras e divertidas, pero sen descoidar os obxectivos terapéuticos expostos”, subliñan os autores desta revisión.

Con respecto ás tarefas físicas desenvolvidas nestas contornas virtuais, agrúpanas en tres bloques: “Primeiro, os que usan a manipulación de obxectos ou realizan diferentes tarefas que implican control motor (coller, agarrar ou apuntar), mentres se demandan diferentes frecuencias de velocidade, capacidade de orientación e/ou engaden dobre tarefa, como evitar obstáculos. O segundo, os que propuxeron tarefas de motricidade fina (tapping) con feedback visual sen manipulación de obxectos. E o terceiro, os que combinan a marcha cunha experiencia virtual. Neste último caso, apúntase a posibilidade de combinar os HMD [cascos ou visores de realidade virtual] con outras ferramentas contrastadas no párkinson, como o tapiz rodante, ou engadindo a este a suspensión para descarga de peso, o que abriría a porta a futuras investigacións que combinen estas ou outras estratexias terapéuticas”, detallan.

VANTAXES

Os estudos analizados polos expertos galegos indican que o nivel de motivación, satisfacción e experiencia dos pacientes foi variable, se ben semella que hai, en xeral, unha valoración positiva.

Normalmente, os participantes avalían positivamente usar o dispositivo con frecuencia, pero para mellorar a experiencia inmersiva, e que sexa máis segura e satisfactoria, algún estudo recomenda manter un protocolo de control e familiarización do paciente tendo en conta as características individuais de cada enfermo. E isto, á súa vez, “podería redundar nunha maior adhesión ás terapias e un menor número de abandonos”, salientan.

Con respecto ás estratexias rehabilitadoras, observaron nos estudos unha demanda de procesos de coordinación e integración sensomotora, control visual e control motor para guiar e asistir movementos máis precisos.

Dos estudos analizados, sinalan un no que se argumenta que, “co paso das sesións, prodúcese unha maior capacidade de esforzo no desenvolvemento das tarefas baixo un soporte inmersivo fronte a un non inmersivo, alcanzando así maiores competencias no proceso de  neurorrehabilitación”, algo que “debe ser corroborado en futuras investigacións, pero, sen dúbida, o traballo de coordinación de secuencias de movementos simultáneos de diferentes estruturas corporais combinadas con estratexias  atencionais e con resposta a estímulos podería mellorar o esquema corporal, a  bradicinesia [lentitude nos movementos] e a funcionalidade xeral do paciente”, subliñan.

A realidade virtual inmersiva podería potenciar as terapias fisioterapéuticas que se realizan con persoas con párkinson

No que hai pleno consenso entre os científicos que investigan a aplicación da RVI nos pacientes é que esta tecnoloxía “alberga un gran potencial nos procesos de rehabilitación en poboación con párkinson, manifestan unha mellora das capacidades motrices e un interese pola súa práctica, e garanten a súa factibilidade”, e “isto podería conducir á práctica de actividade física regular, o que é beneficioso para o manexo da enfermidade”.

Para os investigadores, polo tanto, a RVI podería potenciar as terapias fisioterapéuticas que se realizan con persoas con párkinson. Por exemplo, destacan que algúns estudos demostraron unha mellora na marcha logo de usar a realidade virtual inmersiva: “A RVI podería cubrir outro aspecto capital no manexo do párkinson, tratar a alteración da marcha e aumentar a capacidade aeróbica”.

En definitiva, e logo de avaliar estas primeiras experiencias de pacientes con párkinson coa RVI, consideran que esta tecnoloxía semella “segura e adecuada” para estas persoas, salientan que “non xeran efectos adversos” e mostran “unha elevada satisfacción no seu uso”. Por iso, engaden, “podería ser unha alternativa válida en procesos de  neurorrehabilitación na enfermidade de Parkinson se garante esta  factibilidade en intervencións máis longas” que as aplicadas até agora.

“Parecen necesarias máis investigacións que aborden o manexo dos síntomas motores da enfermidade, avaliando o equilibrio e/ou a prevención de caídas, a mobilidade, a marcha ou a calidade de vida autopercibida, verdadeiro marcador da independencia, seguridade e benestar das persoas afectadas polo párkinson”, conclúen.

EXERICIO FÍSICO

Volvendo á fisioterapia aplicada a pacientes con párkinson, outro equipo de investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur veñen de publicar outro estudo no que fixeron un seguimento de oito anos a enfermos que participaron en programas de exercicio físico.

O obxectivo deste estudo foi controlar o nivel de aptitude física e os parámetros antropométricos dos pacientes con párkinson, que participaran en programas de exercicio físico durante oito anos. En total, 71 enfermos, cunha idade media de 71anos.

Todos os pacientes foron sometidos a unha avaliación da aptitude e da composición corporal ao inicio (2011), aos 4 anos e aos 8 anos do estudo.

O estudo dos parámetros antropométricos mostrou que ao longo dos oito anos de seguimento, o índice de masa corporal (IMC) non presentaba cambios significativos e mostra unha pequena tendencia á alza tanto en homes como en mulleres (o estudo  antropométrico compóñeno unha serie de probas ou datos do individuo que mostran aspectos e medidas do seu estado corporal e da composición do seu organismo). De igual xeito aconteceu co peso en ambos os dous sexos.

En canto á aptitude física, os homes mostraron unha tendencia á deterioración deste parámetro durante os oito anos de seguimento, mentres que as mulleres mostraron unha tendencia á mellora. E o mesmo aconteceu para a forza e a flexibilidade, onde os datos apuntan a que estas son dúas das variables que máis se deterioraron ao longo dos anos de estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta