Nais conseguen máis de 1.600 sinaturas para urxir ao Sergas á reposición dun pediatra en Cuntis

Esixen ao Sergas "a fin dos recortes" e demandan "de inmediato" a praza de pediatría en Cuntis.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Un total de 1616 sinaturas de pais, nais e veciños/as en xeral de Cuntis foron presentadas no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para instar ao Sergas a repoñer "de inmediato" a praza de pediatría en Cuntis, tal e como "viña sendo habitual despois de cada verán". A inciativa xurdiu e setembro, cando un grupo de nais de Cuntis comezou a recollida de sinaturas a fin de manifestar o seu descontento coa ausencia de pediatra no Centro de Saúde da vila.

Consulta de pediatría
Consulta de pediatría | Fonte: SAS - Archivo.

As persoas asinantes manifestaron así a súa preocupación ante a posibilidade de que o Concello remate por quedar definitivamente sen pediatra. "Tampouco nos tranquiliza a falta de concreción da Consellaría de Sanidade, que todos os anos repite a mesma situación", apuntan para engadir que "tememos que algún día a supresión da praza será definitiva e xa non haberá volta atrás".

As asinantes demandan unha "maior sensibilidade por parte das autoridades" de cara ás urxencias pediátricas "xa que se trata da saúde dos nosos fillos e fillas, moitas veces en idades moi temperás". Cuntis conta con aproximadamente 500 nenos e nenas de atención pediátrica, e, sendo así, non entenden nin cren "xusto" ter que desprazarse ata Caldas para recibir un servizo público digno.

Ademais, as persoas asinantes denuncian que a atención santaria en Cuntis presenta en xeral "múltiples carencias": ausencias reiteradas de facultativos, listas de agarda demasiado longas, carencias estruturais no edificio, humidades, etc. Para as asinantes a falta de pediatras e as carencias da atención sanitaria débense ás políticas "de precariedade laboral coas que se vén tratando aos profesionais sanitarios, antes os/as pediatras, agora os/as enfermeiras" a Xunta. Por iso, esixen pór fin aos recortes en Sanidade e néganse a aceptar "que non hai outra solución máis que asumir que a saúde dos nosos fillos e fillas dependerá de ata onde teñamos que desprazarnos para recibir atención sanitaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta