Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2021 | Actualizada ás 20:01
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou este martes o plan especial para risco de inundación en Galicia (Inungal) na contorna de cinco ríos da conca Galicia-Costa. En concreto, segundo informa o 112 Galicia, están baixo vixilancia o río Xubia, no concello de San Sadurniño (A Coruña); o Oitavén, en Soutomaior (Pontevedra); o Verdugo, en Ponte Caldelas (Pontevedra); o Mera, en Ortigueira (A Coruña); e o Landro, en Viveiro (Lugo).
De acordo con información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, as canles presentan nas últimas horas un "crecemento significativo", polo que pode chegar a haber "inundacións puntuais", sinala o 112.
De feito, a central de emerxencias tivo coñecemento este martes --xornada con varios puntos en aviso amarelo por choivas-- de diversas incidencias en concellos afectados polo Plan Inungal.
No caso de Soutomaior, Protección Civil tivo que efectuar diversas saídas para controlar posibles inundacións no lugar de Comboa, así como retirar pedras e árbores que entorpecían a vía en zonas próximas a Arcade ou Cortella.
Desde Ortigueira tamén recibiron os axentes do 112 varias chamadas relativas a rúas alagadas en Miñeixa e a incidencias na circulación en San Xoán.
Neste contexto, a central de emerxencias lembra a necesidade de incrementar a precaución naquelas estradas que estean próximas a pontes e torrentes, xa que a subida repentina dos caudais pode xerar dificultades no tráfico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.