Nace unha nova formación comunista e independentista; o Partido Comunista pola República Galega

Di que fomentará “a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios” e no exterior participará “con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Galicia conta xa cunha nova formación de ámbito comunista e independentista; o Partido Comunista pola República Galega (PCRG), unha formación que celebrou o seu Congreso Constituínte coa participación de máis dun cento de persoas.

Congreso Constituínte do Partido Comunista pola República Galega (PCRG)
Congreso Constituínte do Partido Comunista pola República Galega (PCRG) | Fonte: Tuiter

Nun comunicado remitido aos medios, o PCRG destaca que traballará para “unir a todos os comunistas de Galiza nun só Partido, fomentando a organización dos elementos máis avanzados e combativos da nosa clase, así como a coordinación, colaboración e cohesión práctica e teórica entre os destacamentos xa organizados actualmente existentes”. Ademais, suliña que estarán dispostos a renunciar “se fose preciso" as súas siglas pola "Unidade orgánica proletaria e revolucionaria”.

Ademais, a nova formación suliña que traballará pola creación dunha Central Sindical Única Galega e, mentres tanto, implicarase nas centrais sindicais existentes "para coordinar aos elementos máis conscientes e combativos, e fomentar un sindicalismo nacional, de clase, non pactista, combativo, asembleario e non sometido a lóxicas alleas ao movemento obreiro”.

Tamén afirma que reforzará “teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, fomentando a formación interna ao respecto, a propaganda específica dirixida ás mulleres traballadoras e a promoción da militancia e da organización entre elas”. Por este motivo cren necesario fomentar “cadros de mulleres nas organizacións obreiras e populares, así como no propio Partido”. No ámbito da mocidade, di que traballará para  “reconstruír un movemento estudantil popular, democrático , republicano e asembleario, capaz de ter un programa avanzado e ser hexemónico á vez”.

"MÉTODOS DE COMBATE QUE ACONSELLE A SITUACIÓN"

No eido organizativo fomentará “a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios” e no exterior participará “en todas as frontes de batalla e de intervención, e con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento”.

Neste sentido, o PCRG indica que impulsará “as relacións internacionais, tanto cos estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo, como coas organizacións e movementos obreiros, revolucionarios e insurxentes de todo o mundo “ coa idea de “promocionar, tamén, as organizacións de solidariedade internacionalista do noso país”.

Por último, afirma que manterán a “solidariedade anti-represiva con todas as persoas encausadas pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas e cos presos políticos” e loitarán “pola amnistía e contra os corpos represivos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Riolo

La verborrea de siempre. Pero si ya tenemos un partido comunista patriótico que quiere construir un estado galego, además de un sindicato nazonal, una asociación patriótica que defiende el idioma nazonal, y toda la chiringuitada habitual de las sectas comunistas. Se ve que la UPG no abrió todavía la temporada de admisión de nuevos combatientes patrióticos.

1 Gamela

mira tí onde andaba Paco Rodríguez... fundando un novo partido á súa medida !