O Goberno lanza a convocatoria dos primeiros 40 millóns do plan de recuperación para enerxías renovables

Miñones, que visitou este mércores Guitiriz, animou a cidadáns, administracións e pemes a presentar as súas candidaturas.

Por E.P. | | 19/01/2022 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O Goberno puxo en marcha a convocatoria para adxudicar os primeiros 40 millóns de euros de axudas asociadas ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento (PERTE ERHA).

Diso informou nun comunicado remitido aos medios este mércores a Delegación do Goberno en Galicia, cuxo titular, José Miñones, animou aos cidadáns, administracións e pemes a presentar as súas candidaturas para a concesión duns fondos que reservan "vantaxes" para as zonas afectadas polo peche das plantas térmicas das Pontes e Cerceda.

A convocatoria, presentada a semana pasada pola vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera, nun encontro con empresarios galegos; contempla 40 millóns de euros para proxectos asociativos vinculados ao autoconsumo de enerxía, a eficiencia enerxética e a mobilidade sustentable.

Durante o encontro da semana pasada, Ribera sinalou que Galicia achegou 195 propostas ás manifestacións de interese impulsadas desde o seu ministerio. En total, superan os 23.500 millóns de investimento a través de proxectos entre os que destacan os 35 asociaciados ao hidróxeno renovable.

Este mércores, o delegado do Goberno na Comunidade galega resaltou a liña deste programa orientada a financiar as "comunidades enerxéticas". Consisten na asociación de cidadáns, administracións ou pemes para xerar, usar e xestionar a súa propia enerxía.

A convocatoria para a creación de comunidades enerxéticas estará aberta ata o próximo 1 de marzo e as axudas poden alcanzar ata o 60% do total do investimento. Os interesados teñen á súa disposición guías de asesoramento sobre as comunidades enerxéticas e estas axudas nun apartado específico da web do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

VISITA A GUITIRIZ

Por outra banda, o delegado do Goberno, José Miñones, visitou o municipio de Guitiriz, onde repasou as actuacións que leva a cabo a Administración central no municipio do interior galego.

Miñones subliñou o compromiso "municipalista" do Executivo que preside Pedro Sánchez e puxo como exemplo actuacións como a que desenvolve en Guitiriz, como a remodelación da estación de tratamento de augas na que inviste case 270.000 euros. Ademais, Guitiriz recibiu outros 270.000 euros para a renovación de luminarias no concello, o que permitirá, segundo Miñones, un aforro de 45.000 euros anuais e "unha rebaixa de 130 tonaledas en emisións de CO2".

O delegado do Goberno, José Miñones, nunha explotación de Guitiriz (Lugo). DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, José Miñones, nunha explotación de Guitiriz (Lugo). DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta