Mulleres galegas namorando

Como xa comentei aquí en Galicia Confidencial, quen é para min o mellor actor do mundo, o versátil paciente inglés, xardineiro fiel e malvado nazi que se enfronta a Oskar Schindler estivo uns días en Carnota.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 25/01/2022

Comparte esta noticia

O motivo que trouxo a Ralph Fiennes á nosa terra é que o seu irmán Joseph – Shakespeare no cine – caeu no amor por unha muller galega. Non é a única celebridade estranxeira á cal lle sucedeu o mesmo.

Julia Otero
Julia Otero | Fonte: Uti.

O moi mítico músico Mike Oldfield tamén tivo unha amada galega, ao igual que Kevin Weatherill, cantante dos Immaculate Fools.

É moi coñecida a relación con nós de Richard Gere. O famosísimo actor podería, poñamos por caso, encontrar o amor entre os milleiros de damas atractivas e sofisticadas de Manhattan, ou desa California dourada onde segundo os Beach Boys se encontran as mulleres máis guapas do mundo. Pero non foi así, e Cupido quixo que lle chegase ao corazón unha frecha co nome dunha galega.

No mundo da cultura, xa chamaba a atención a relación entre Benito Pérez Galdós e a coruñesa Emilia Pardo Bazán. Mais, que causa que Albert Camus se namore da tamén herculina María Casares? Que o filósofo Xavier Rubert de Ventós se namore da poeta Luisa Castro (Foz)? Que primeiro o escritor Luis Racionero e despois o arquitecto Norman Foster se namoren da presentadora e doutora Elena Ochoa (A Pobra de Trives)? Que o presentador Ramón Pellicer se namore de Julia Otero (Monforte de Lemos)?

Hai algo en común entre estas mulleres famosas? Si: temperamento, intelixencia, talento, sensualidade, beleza. Que lonxe quedan da imaxe das galegas que daba unha humorista no concurso “Un, dos, tres” anos atrás!

Como o lembrado Richard de Canadá que escolleu de parella de por vida á miña prima Eulalia, haberá numerosos casos de persoas estranxeiras que casaron ou tiveron de parella a mulleres galegas.

No meu caso, agás o primeiro “crush” Noemi (véxase: séptimo de educación primaria; 1979; nai de Puerto Rico e pai de Filipinas), todos os meus amores foron de Galicia ou de pais galegos. Todas elas, donas de admirables virtudes e atributos, levan signos de galeguidade que non son doados de definir. Pero gusta ese misterio.

En definitiva, esta terra na cal naceu alguén tan xenial como Rosalía de Castro ou tan sedutora como a Bela Agustina Otero de Valga semella ter con frecuencia un poder hipnótico para quen nos visita – como é o caso da excelsa fotógrafa Ruth Mathilda Anderson (de verdade gardan nun arquivo estadounidense cinco mil fotografías – moitas delas sen positivar - que ela sacou aos nosos antepasados?) – é un punto especial no planeta, un oasis de poesía e sentimentos profundos e apaixonados, tal como se ve nos corazóns que atraen a outros corazóns, tal como se ve nas nosas fortes, valorosas e fascinantes mulleres. 
    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.