Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 18:53
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou a rexedores das comarcas de Ferrolterra e Ortegal que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes, e que este tipo de axudas tamén estará dispoñible para aqueles que decidan o aluguer dunha vivenda, sempre que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos. Así o trasladou no municipio de Valdoviño, onde se reuniu con rexedores da zona, nun encontro ao que tamén asistiu a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
José Miñones incidiu que esta medida no caso Galicia poderase pór en marcha en ata 257 concellos, o 82% do total, que son os que están por baixo dunha poboación de 10.000 habitantes, destacando que con esta iniciativa o que busca o Goberno de España, "reverter a perda de poboación destes territorios, camiñando cara á cohesión territorial e social en España e en Galicia".
PLAN ESTATAL
O programa de axuda ás persoas novas para contribuír ao reto demográfico é un dos 13 que forman parte do novo Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025, que aprobou a semana pasada o Goberno.
Así, Miñones destacou na Casa da Cultura de Valdoviño, que as axudas á compra de vivenda establece que o seu prezo non deberá de ser superior a 120.000 euros, mentres que no caso dos alugueres serán por cinco anos, cunha axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co Bono de aluguer novo, de forma que pode cubrir ata o 75% do custo do aluguer.
Por último, Miñones detallou que estas axudas teñen vixencia desde o pasado 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa desde comezos deste ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.