Un proxecto veciñal para recuperar o patrimonio material e inmaterial da Veiga

A Deputación de Ourense colaborará cos veciños coa axuda de técnicos en investigación.

Por E.P. | Ourense | 17/02/2022 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense colaborará nun proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial do concello da Veiga, que desenvolverán os propios veciños coa axuda de técnicos en investigación.

Reunión Manuel Baltar (presidente Deputación Ourense) con Araceli Macias Garcia (gañadora da bolsa ) e  Juan Anta Rodríguez (alcalde do Concello da Veiga)
Reunión Manuel Baltar (presidente Deputación Ourense) con Araceli Macias Garcia (gañadora da bolsa ) e Juan Anta Rodríguez (alcalde do Concello da Veiga) | Fonte: Europa Press.

O presidente provincial, Manuel Baltar, comprometeu a axuda da institución despois de escoitar os detalles do proxecto, que lle foi presentado polo alcalde, Juan Anta, e a educadora social Araceli Macías, en representación do tres entidades implicadas na única proposta galega seleccionada pola Fundación LaCaixa na súa convocatoria para iniciativas de acción social no medio rural.

Baltar resaltou o compromiso do goberno provincial co territorio ourensán e o traballo do Concello da Veiga e mostrouse proclive a este tipo de proxectos, "nados no territorio e cunha vocación de manter a identidade e recoñecer os recursos propios dunha parte tan importante desta provincia".

Pola súa banda, Juan Anta agradeceu "o apoio permanente do presidente da deputación" e resaltou un proxecto que "vai destacar pola participación dos veciños e por manterse no tempo grazas a un mapa que recollerá todos eses recursos materiais e inmateriais".

A investigación, que se prolongará durante un ano, consta de varias actividades. O punto de partida será a constitución dun grupo de veciños da Veiga que, acompañados por persoal técnico, realizará unha investigación sobre os recursos materiais e inmateriais do territorio que eles mesmos decidan (contos, lendas, rutas), que unha ilustradora deixará plasmados nun mapa do concello.

En paralelo, porase en marcha unha oficina de asesoramento, que non terá un espazo físico fixo, destinada a prestar axuda a todas aquelas persoas que desexen desenvolver unha iniciativa económica ou social na Veiga. Cara ao final do ano, organizarase unha actividade onde se exporán os resultados desta investigación e o mapa co patrimonio material e inmaterial do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta