Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 16:43
A Asociación Dereito a Morrer Dignamente denunciou este luns a "falta de dirección, imprevisión, descoordinación, confusión", "lentitude na resposta" e elevada burocracia en peticións de eutanasia en Galicia, o que consideran uns "malos tratos á persoa en condición de final da vida" e un "tratamento inaceptable dun dereito fundamental".
A asociación fai referencia ao caso dun home de 90 anos residente na Coruña e "coa súa vida restrinxida ao domicilio", así como con "diferentes enfermidades causantes de elevado sufrimento e dependencia" que fixo uso do dereito á eutanasia, recoñecido a través da súa lei orgánica.
Con todo, catro días despois de presentar a solicitude, e "ante a falta de resposta", presentou unha reclamación ante a área sanitaria correspondente. A entidade narra o periplo que, desde entón, tivo que percorrer o home, con contactos telefónicos desde a xerencia nos que "se incluíu algún comentario improcedente", falta dun informe escrito sobre o proceso e as alternativas e visitas á domicilio "de profesionais que non se identificaron".
Para a entidade, esta situación está motivada, entre outras cuestións, pola "falta de accións de difusión e formación" dirixidas aos profesionais do Sergas "sobre o novo dereito e a nova prestación" incluída na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, "xunto coa resistencia a incluír expresamente no impreso de uso do Sergas para recoller o testamento vital, a opción da eutanasia".
"A actitude pasivamente obstrucionista da Xunta á implantación e desenvolvemento do dereito á prestación da eutanasia non é un problema político abstracto, e tampouco menor, xa que é causante de sufrimento directo e inútil en persoas concretas, que se atopan en condición de grave vulnerabilidade e ás que se somete á incerteza, soidade, confusión, esperas, e esixencias burocráticas inaceptables", critican.
Por iso, estiman, ante unha solicitude de eutanasia, a Xunta debe responder "de inmediato", iniciando o proceso asistencial "en menos de dous días" e, durante o mesmo, "debe intensificarse o coidado da persoa e da súa familia, considerando a gravidade humana da situación e a presenza de dor, sufrimento e condicións de vida referidas como insoportables ou indignas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.