Críticas ao alcalde de Ribadumia por "renunciar aos 13.000 euros" do Pacto contra a Violencia de Xénero

Somos Ribadumia denuncia que as políticas de igualdade "non son unha prioridade" para o goberno da localidade, ao que acusa de "rozar o argumentario da ultradereita".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A corporación de Ribadumia aprobou o pasado 3 de marzo o orzamento para o 2022 por valor de 4.293.795 euros. O documento saíu adiante só cos votos do grupo do goberno, encabezado por David Castro, e entre críticas de todos os partidos da oposición - PSOE, Somos Ribadumia e PP -. En concreto, Somos Ribadumia denunciou xa entón a existencia de "partidas falsas" nesa proposta. Agora, a formación pon sobre a mesa e critica que os orzamentos "non recollen a partida de máis de 13.000 € concedidos en setembro de 2021 para programas contra a Violencia de Xénero, a desenvolver neste 2022".

David Castro, alcalde de Ribadumia
David Castro, alcalde de Ribadumia | Fonte: Cope

A ausencia destes fondos, que supoñen máis do dobre dos 12.000 € dos que dispón este ano o Goberno, resulta, segundo a formación, unha decisión "especialmente grave" coa que o alcalde, David Castro, e a concelleira de Igualdade, "renuncian de facto a realizar programas de calado social que na práctica poidan supoñer unha axuda real ás vitimas de violencia de xénero".

Esta partida de 13.020,08 € correspóndese coa transferencia concedida aos concellos de parte da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Segundo Somos Ribadumia, trátase dunha resolución que "supoñía unha importante mellora no reparto duns fondos que anteriormente eran moi reducidos, rondando para o caso de Ribadumia os 1.500 €".

RETROCESO NAS POLÍTICAS DE IGUALDADE

A formación denuncia que nos orzamentos aprobados polos Independentes, "non hai partida que recolla o ingreso nin se consignan os programas ou actuacións que deberían darlle saída". "Unicamente se vai gastar, sen que figure no orzamento, unha parte moi reducida en pequenas accións", explica Somos Ribadumia, que consideran isto "unha maquillaxe de cara á opinión pública".

A formación lembra, así mesmo, que esta non é a primeira subvención económica que o goberno "perde" pola "completa desidia e desinterese"; e móstrase "preocupada" polo "retroceso nas políticas locais a favor da loita feminista e contra a violencia de xénero". "Volvemos", proseguen nun comunicado, "ás actividades de recheo e foto fácil sen políticas nin actuacións de calado que cheguen á cidadanía e ás vítimas".

Tamén mostran a súa preocupación pola propia "actitude" de David Castro e dos Independentes, aos que acusan de "rozar o argumentario usado pola ultradereita". "Vénselle as costuras cando obvia que temos un equipo de fútbol feminino en primeira nacional ou cando o cartel do 8M, cunha mensaxe pouco apropiada, suscita tanta polémica e queixa nas redes", indican.

Por todo isto, Somos Ribadumia expón que a violencia de xénero e as políticas de igualdade están, para o goberno de David Castro, "lonxe de ser unha prioridade"; e solicitan que "rectifique" e "expoña un programa de calado" que axude as vítimas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Zampabollos

Polo que se ve saiulle competencia ao Celidonio Tellado!