Por Europa Press / Redacción | Lugo | 17/03/2022 | Actualizada ás 20:10
Comisións Obreiras denunciou un suposto caso de discriminación por razón de xénero no Concello de Lugo, onde, explican, a unha traballadora se lle negou a percepción do complemento de produtividade porque se excluíu do cálculo o tempo que estivo de baixa por risco durante o embarazo e o posterior permiso de maternidade.
CCOO sinala que esta exclusión é "contraria a dereito" e constitúe unha discriminación por razón de xénero que, ademais, "vai en colisión coa lexislación que protexe as situacións de embarazo e maternidade".
O sindicato lembrou que "numerosas" sentenzas estatais "consagran" o dereito das mulleres a percibir os complementos a que terían dereito durante o tempo de baixa médica por embarazo ou de maternidade. "O contrario constitúe unha discriminación, xa que só as mulleres están suxeitas a este tipo de situacións", destaca o sindicato.
Consideran ademais "anómalo" que a esta traballadora se lle negue un dereito que, "pola contra", si lle foi recoñecido a outras compañeiras en casos similares, o que remarca a discriminación, inciden.
O sindicato instou ao Concello de Lugo a "reconsiderar" a situación e que non "obrigue" á afectada a acudir á vía xudicial para que se lle recoñezan os seus dereitos".
Lembran ademais que o Concello, "malia estar obrigado", aínda non asinou coa representación legal dos traballadores e traballadoras un plan de igualdade para todo o persoal municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.