Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 20:00
A divertida familia dos Balbinos regresa con novas aventuras recollidas na colección de libros
infantil-xuvenil do mesmo nome, 'Os Balbinos', publicados por Edicións Fervenza, e nos que narran as súas peripecias no seu percorrido polas distintas Rutas do Camiño ata Santiago de Compostela nos tramos que corresponden a Galicia.
Nesta ocasión, as súas andanzas levarán a cativada a coñecer o Camiño Inglés e o Camiño Portugués e toda a historia e cultura que se agocha nos lugares polos que transcorren estas rutas. A presentación destes dous libros terá lugar o mércores, 6 de abril, ás 19.30 horas, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, nun acto no que participarán os creadores dos contos, Toño Núñez e Xoán Carlos García Porral; e o ilustrador Gabriel Iglesias Sanmartín. Así mesmo, contarase coa presenza da comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira Marimón; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.
Os Balbinos son unha colección de catro libros infantís-xuvenís, en tapa dura, ilustrados a toda cor e narrados en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Neles recóllense as aventuras da familia dos Balbinos, os pequenos Lúa e Bal e os seus pais Lena e Lino, nas súas andainas polas distintas rutas do Camiño de Santiago nos tramos galegos.
Camiño Francés e Ruta da Prata foron as primeiras publicacións da colección ás que agora se suman o Camiño Inglés e o Camiño Portugués. Nesta nova camiñata, a que ocupa o Camiño Inglés, a rapazada poderá acompañar á simpática familia na descuberta dos distintos lugares de interese dos concellos polos que transcorre esta ruta, coñecendo os seus atractivos culturais, paisaxísticos, festivos, gastronómicos, relixiosos...
Do mesmo xeito, a seguinte obra, a que ocupa o Camiño Portugués, centrará as aventuras da familia naqueles lugares polos que transcorre dita ruta dende Tui e pasando polo Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Brión, Teo, Rois, Ames ata chegar a Santiago de Compostela. Esta colección de libros infantís-xuvenís, editada por Edicións Fervenza, enmárcase dentro das axudas de dinamización do Xacobeo 2021, 'O teu Xacobeo' da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.