As virtudes da secesión

O divorcio político ou secesión, cuxa adopción sen trabas, suporia un mecanismo que contribuiría a unha orde internacional espontanea, máis pacífica, próspera e libre. Os liberais, ao contrario que estatistas ou socialistas, acreditamos que a unidade de soberanía é o individuo e portanto o individuo debe poder escoller con absoluta liberdade a forma na que se quere asociar políticamente, calquera grupo humano, con vontade de facelo, debe poder expresar plebiscitariamente a sua intención de se autoorganizar politicamente.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 24/06/2014

Comparte esta noticia
Os Estados constituidos, son inimigos ferreños de case todas as liberdades, tamén claro, da liberdade que consiste en deixar de pertencer a ese Estado e isto é asi simplemente porque o Estado aspira á acumulación de poder;  non hai nos unionistas á forza interese algún en facilitar o entorno no que os individuos poidan prosperar, non é a procura do "progreso do pobo" o que os move a oporse ao dereito de secesión, senón, e ben polo contrario, o obxectivo de ter maior capacidade de oprimilos e de sugarlles o sangue através de todo tipo de limitacións á liberdade, á propiedade, e se for necesario, á vida. O razonamento estatista é: se perdemos poboación, perdemos capacidade de extracción coercitiva de recursos e portanto perdemos poder. Os liberais somos os únicos que o advertimos sempre, coidado coa acumulación de poder, sempre trae desgrazas, permitide que lembre a Lord Acton máis unha vez: "o poder corrompe e o poder absoluto, corrompe absolutamente" 
 
É unha obviedade que o norteamericano medio, polo feito de ser cidadán do Estado máis poderoso do mundo, non ten nengunha vantaxe real sobre o canadense ou dinamarqués medio, e o chinés medio non ten vantaxe algunha sobre o taiwanés medio grazas á abismal diferenza de poder dos seus respectivos Estados, os beneficiados da existencia dos grandes e poderosos Estados non son os cidadáns senón os políticos, desde logo Obama ten moitísimo máis poder que os primeiros ministros canadense ou dinamarqués, e Xi Jinping moito máis que o premier taiwanés, e isto é o que interesa aos políticos estatistas, a acumulación de poder para usala no seu beneficio, e no das oligarquias que os apoian a cambio de todo tipo de prebendas, pagadas con cargo ao suor dos minguantes sectores produtivos, no caso das sociedades ocidentais, no caso chinés ese poder usase de forma especialmente descarnada na opresión política. 
 
Ten acaso un mozo español unha situación máis favorable que un mozo luxemburgués ou maltés polo feito de ser o Estado español máis poderoso que os Estados maltés ou luxemburgués?. Vivemos mellor os tudenses con 20.000 dolares de PIB per capita que os de Liechestein polo feito de estar en España? Coitadiños os de Liechestein que teñen 158.000 dolares de PIB per capita. Un Tui ou unha eurocidade independente Tui-Valença con impostos baixos duplicaria o PIB per capita actual en poucos anos, desde un punto de vista liberal a secesión non ten que ter unha xustificación histórica, nen cultural, senón simplemente contar co respaldo das persoas que pretenden autorganizarse politicamente, respaldo que se pode organizar mediante un procedimento plebiscitario, en definitiva calquera secesión é lexitima de contar co apoio das persoas, a de Cataluña ou Galicia, pero tamén a de Barcelona ou Vigo.
 
Ao fin a pregunta é, achéganos algo bo que Rajoy, Zapatero ou un proxecto totalitario, como o de Podemos, sexan máis poderosos? Ou máis ben será o contrario, que canto máis poder teñen máis dano nos fan e farán?.
 
A vocabulario que emprega a oficialidade en España para negar a posibilidade da secesión é carpetovetónico, por non dicir autoritario e violento, como se pode dicir que unha unidade política é indisoluble? Como se pode dicir que o exército ten que garantir esa indisolubilidade? Coerción e violencia disfrazados dun legalismo positivista que non pode ser lexítimo cando se sustenta precisamente en furtar a liberdade aos individuos, e que non me veñan coa patraña do contrato social, eu non asinei en nengures e non coñezo a ninguén que o fixera, sí, houbo un referendum no 1978 no que ninguén menor, dos que hoxe teñen 54 anos puido votar, en todo caso isto non debe poder impedir a secesión dunha minoria, os direitos da maioria non poden ser ilimitados, supoño que todos concordaremos, por colocar un exemplo extremo pero moi didáctico, en que a persecución dos xudeos na Alemaña nazi non ten xustificación posible, pois ben, naquela altura esa persecusión estaba apoiada, ou ao menos consentida, por unha maioría dos alemáns. 
 
O direito de secesión ilimitado para aquelas comunidades humanas que teñan vontade de autoorganizarse politicamente crearía un mercado libre de Estados e desde logo multiplicidade deles, o que ten inúmeros beneficios, os Estados pequenos non poden recorrer á forza e portanto fomentan sempre a paz e o comercio, as interrelacións comerciais son o maior garante de paz xa que crean un xenuino interese en que ao cliente e fornecedor dun lle vaia ben, porén os grandes Estados dependen menos do comercio internacional e abusan, dentro e fóra das suas fronteiras do seu poder, se un Estado pequeno funciona mal é moito máis fácil fuxir del dirixíndose cara un lugar máis próspero facendo o que se chama votar cos pés, naturalmente nunha Europa digamos, con 300 Estados, poderá haber límites territoriais pero non fronteiras no sentido de restricións de paso, mesmo na hipótese da desaparición da UE, o custo para un pequeño pais de pechar as fronteiras sería inaceptable, só ditaduras socialistas teñen pretendido e posto en pratica isto para evitar que as persoas fuxan da sua violencia e miseria.
 
Este mercado libre cheo de pequenos estados e cidades-estado permitiría comparar moitos máis sistemas de gobernación, xa se ten argumentado que foi a descentralización política europea na alta Idade Media a que explicou o éxito europeo en comparación coa centralización dos imperios asiáticos. As evidencias son esmagantes, a liberdade económica é unha base fundamental para a prosperidade, pero hai máis factores, como os arranxos institucionais, cantos máis Estados máis facilidade para a comparación e para determinar o que funciona ou o que non, ainda que moitos seguirian dando a entender con subterfuxios, non se atreven a dicilo claramente, que Cuba ou Corea do Norte son sociedades "mellores" que Suiza ou Nova Zelanda.
 
Naturalmente este escenario seria un pesadelo para socialistas, nacionalistas esencialistas e estatistas de todas as pelaxes, pensarán os Montoros do mundo; non podo subir moito os impostos que liscan!, pensarán os Gallardóns do mundo, non podo restrinxir moito as suas liberdades civís que liscan!, pensarán todos eles; non podo regular todos e cada un dos aspectos das suas vidas que liscan!, etc, etc. A multiplicación de Estados debilita ao Estado e fortalece ao individuo, dificulta a coerción e fai florecer a liberdade, dai que a oligarquia se preocupe moito e se asegure de que vexamos a secesión como algo abdominable cando en realidade ten un maravilloso virtuosismo, como en calquera aspecto da liberdade, ténsenos feito crer que a liberdade é ruin!
 
Afortunadamente, e en contra do que di xente coa mentalidade propia dun burócrata decimonónico, como Mariano Rajoy, os tempos son favorables á secesión, a tendencia é clarísima desde primeiros do século XIX até hoxe, desde aquela o número de paises independentes ten pasado de arredor dos cen a máis de douscentos, é dicir teñense duplicado nun século mentres que non temos visto anexións e só reunificacións libres e voluntarias, e portanto completamente lexítimas, como a de Alemaña.
 
O nacionalismo e o imperialismo son os grandes inimigos do dereito liberal de secesión, o nacionalismo esencialista cre que os dereitos residen na nación como se esta fose unha entidade abstracta allea, ao menos dalgunha forma, aos individuos. Para un nacionalista ver a sua nación dividida é tan doloroso como unha amputación e considera que en defensa do absurdo dogma da indivisibilidade calquera acción coercitiva está xustificada, e olliño, tanto os de Bildu que consideran que teñen dereitos sobre Iparralde ou Nafarroa á marxe da vontade dos seus cidadáns, como os do PP, PSOE, UPyD ou VOX que cren que Cataluña ten que ser española ainda que non o desexen os cataláns, porque iso do “no nacionalismo” referido aos partidos que defenden a indivisibilidade de España non deixa de ser unha burda manipulación semántica máis. 
 
A extensión do dereito de secesión debe ter como único límite a vontade das persoas, a multiplicación de novos estados implicaría o debilitamento da capacidade de coerción e roubo político e o predominio do mercado o que contribuiría decisivamente un mundo máis libre, máis xusto, máis pacífico e máis próspero e non son o único que o creo http://athousandnations.com/ 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA