Por E.P. | A Coruña | 29/04/2022 | Actualizada ás 18:59
O Xulgado do Social número 4 da Coruña acordou continuar coa tramitación do procedemento derivado da demanda presentada por Rosp Corunna contra o antigo xestor da entidade, ao que lle reclama 2.870.000 euros. Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que explica que, por tanto, o maxistrado decretou que se celebre o xuízo, que foi suspendido o pasado mes de abril debido a alegacións presentadas polo demandado.
O xuíz, no entanto, estimou que concorre unha desas cuestións, a prexudicialidade, derivada dos dous procedementos abertos en xulgados de instrución da Coruña, nos cales asegura que se podería pór en dúbida documentación que afecta o procedemento. Por iso, suspendeu o prazo para ditar sentenza ata que se resolvan as causas criminais.
Nesas dúas causas penais, segundo destaca o maxistrado do Social, investígase un delito de falsidade documental, o cal asegura que ten "unha notoria influencia no preito, ata o punto de ser a clave de bóveda da demanda articulada".
Por tanto, conclúe que concorre a excepción de prexudicialidade penal, pois subliña que "o xuíz do Social non pode entrar a cualificar a falsidade dun documento de notoria influencia no preito e, menos, declaralo falso".
Así, indica que as táboas salariais que, "conforme se afirma na querela e ao concretado na proba pericial", foron presuntamente "modificadas" polo querelado son "a base da reclamación agora exposta, a mesma, por certo, que a reclamada en sede penal, o que denota a importancia que o mesmo leva". Por todo iso, o xuíz estimou a excepción de prexudicialidade penal alegada. Contra o auto cabe presentar recurso.
Recientememte, a sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña desestimou os recursos de apelación interpostos por catro entidades financeiras contra o auto ditado polo Xulgado de Instrución número 2 da Coruña no que rexeitou a admisión da querela formulada por Deutsche Bank contra Rosp Corunna e a administradora desa sociedade, Sandra Ortega, por, presuntamente, ser coñecedora de que simularon a súa firma para obter créditos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.