O PP pide explicacións sobre os plans para recuperar os edificios históricos do Museo de Pontevedra

A Deputación traballa nun proxecto de rehabilitación por fases.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Os deputados provinciais do Partido Popular Jorge Cubela e Pepa Pardo compareceron este xoves para reclamar á Deputación de Pontevedra que explique os seus plans para recuperar os edificios históricos do Museo de Pontevedra. Jorge Cubela lamenta que a institución provincial leve "dando bandazos sete anos" desde que en 2014, sendo presidente o popular Rafael Louzán, se pecharan ao público os edificios Castro Monteagudo e García Flórez por razóns de seguridade como consecuencia do mal estado das estruturas de madeira, formigón e da pedra dos inmobles.

A Deputación traballa nun proxecto de rehabilitación por fases destes edificios do Museo. Inclúe a recuperación urxente do García Flórez e do Castro Monteagudo e deixa proxectada para unha segunda fase a posibilidade de unión mediante un gran soto co Fernández López. Unha parte dos inmobles destinarase a zona didáctica e a outra a espazo expositivo, segundo avanzou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera.

Os deputados populares aseguraron que "é difícil, despois de sete anos, entender que é o que quere facer o señor Mosquera", sinalou o portavoz do PP despois de enumerar os plans de ampliación do Museo barallados ata agora pola Deputación provincial, como un gran soto, un almacén arqueolóxico en Valdecorvos ou a integración do convento de Santa Clara.

"Nós desde o grupo provincial esiximos que se acometa dunha vez por todas a reforma dos dous edificios que son o emblema e a xoia da mazá cultural de Pontevedra", declarou Jorge Cubela. "Estamos ante unha auténtica incógnita e unha pasividade do goberno provincial porque realmente non saben o que van facer cos edificios", engadiu a deputada Pepa Pardo, á vez que urxiu unha solución para estes inmobles "que están a deixar morrer".

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: FirkinCat en Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta