Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 14:40
A Xunta defendeu as accións de concienciación e formación que articula en distintos ámbitos a Administración autonómica para facer fronte aos discursos de odio contra o colectivo LGTBI. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, respondeu este mércores a unha pregunta presentada pola deputada do BNG Iria Carreira durante a Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior.
A parlamentaria nacionalista advertiu do "incremento" das agresións cara a persoas do colectivo LGTBI, como as pintadas en Pontevedra, episodios violentos en Vigo, Ourense ou Santiago ou a morte de Samuel Diz hai un ano na Coruña. A deputada botou en falta maior compromiso da Xunta co colectivo e pediu que o observatorio creado teña un funcionamento real, xa que, segundo Carreira, na actualidade carece de actividade. "Non parece un órgano feito para actuar, senón só para que exista", apostilou.
Ante isto, a responsable do Goberno galego incidiu en que, desde a perspectiva da "tolerancia cero" con este tipo de comportamentos, a Xunta realiza un traballo "trasversal" para tratar de eliminar da sociedade os discursos de odio a través da formación e a concienciación. Estas accións, continuou López Abella, realízanse da man de distintas entidades e colectivos coas que a Xunta subscribe convenios anuais para o desenvolvemento de tarefas formativas.
Como exemplo destas actividades, a responsable de Igualdade sinalou o curso para empregados públicos que organiza a EGAP, onde se imparte formación orientada a fomentar a "non discriminación" e a coñecer os conceptos de sexo, xénero e orientación sexual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.