Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 15:11
O primeiro Congreso Internacional 'O Reino Medieval de Galiza' celebrarase os próximos 19 a 22 de setembro no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña, trátase do primeiro foro de reflexión a nivel científico sobre a historia medieval galega.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, presentou o evento acompañado polo historiador Anselmo López Carreira e o xestor cultural Xosé Luís Vázquez. Couto explicou que o obxectivo destas xornadas é mostrar "esa realidade que a pesar do seu esplendor estivo calada e silenciada e sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial".
"Se non sabemos de onde vimos, dificilmente saberemos quen somos", recalcou o responsable cultural, quen destacou que coa celebración deste congreso queren "contribuír para que a sociedade galega coñeza mellor o pasado, a historia social e política do que foi Galicia neses séculos longos e escuros".
RELATORES
'O Reino Medieval de Galiza' reunirá durante catro xornadas a 18 relatores de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura e a organización administrativa da época. Os relatores proceden de diferentes institucións entre as que destacan as universidades de Berkeley, Barcelona, Santiago de Compostela e Oviedo.
O historiador Anselmo López Carreira, pola súa banda, incidiu durante a presentación en que se trata dun evento con carácter académico "enfocado ao gran público". O prazo de inscrición para participar neste congreso abrirase a comezos do mes de xuño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.