Crise da sanidade.- Rueda defende os investimentos realizados e volve culpar a Madrid por non abrir novas prazas

nternistas rebélanse contra a "sobrecarga" e piden contratos "estables". O Consello de Colexios Médicos demanda á Xunta "que se garantan as condicións mínimas" para "facer posible unha boa práctica asistencial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

"Nos últimos anos fixéronse grandes investimentos en Sanidade. Non declinamos a nosa responsabilidade na situación pero só nos dous últimos anos investimos máis de 200 millóns na sanidade pública galega". Foi a resposta que deu este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante a avalancha de críticas de entidades, asociacións e profesionais sanitarios sobre a "situación límite" que se está a vivir na Atención Primaira e, especialmente, entre o colectivo de médicos internistas.

Rueda, no atril do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Rueda, no atril do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda volveu insitir en que parte da responsabilidade da situación sanitaria galega é do Goberno central por non aprobar, inisistiu, unha convocatoria extraordinaria MIR para cubrir novas prazas en Atención Primaria e tamén, que se poñe en marcha a especialidade de Medicina de Urxencias. "Sería unha solución estrutural, non definitiva, pero aliviaría moito as cousas", dixo.

Sobre as responsabilidades da Xunta nesta situación, Rueda, aínda que asumiu tamén algo de culpa do acontecido nos anos de goberno de Feijóo, insistiu nos fortes investimentos realizados nos últimos anos e na contratación de profesionais. Así, lembrou que Galicia ten unha media maior de médicos internistas e o conxunto do Estado, 14.5 profesionais por 1.000 habitantes, fronte aos 11,8 da media estatal.

Por iso evitou opinar sobre as declaracións de entidades profesionais como o Consello Xeral de Colexios Médicos que este mesmo xoves criticaba duramente a situación da sanidade galega e, especialmente, a saturación en determinadas áreas, como a de Medicina Interna. Tamén sobre os informes da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública ou de Amnistía Internacional que apuntan que a sanidade Galega é unha das que menores investimentos realizou nos últimos anos, especialmente, en Atención Primaria.

INVESTIMENTOS

"Nós seguimos investindo en sanidade", manifestou ao tempo que facía alusión a novas dotacións millonarias para adquisición de 26 novos TAC's. "Mellorarán a situación nos hospitais e, por suposto, da Atención Primaria", destacou. Ademais, lembrou que segue aberta a oferta realizada por Sanidade para contratar novos médicos de Atención Primaria que terán un salario de 65.000 euros anuais. "Estamos facendo todo o que está na nosa man e se houbera nvos profesionais, pois serían contratados", insistiu.

En todo caso, evitou tamén avanzar novas medidas á espera da xuntanza que manterá a Xunta cos sectores sanitarios afectados por esta nova crise da sanidade pública galega. "Polo momento, o servizo de medicina interna está garantido en todos os hospitais comarcais de Galicia e en todas as áreas sanitarias", suliñou.

CRÍTICAS

Por outra banda, Persoal médico internista urxe ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) "contratos máis estables" para contar con máis profesionais e afrontar á "sobrecarga" asistencial que denuncian e avisan de que contratos para traballar en varios hospitais --de cabeceira e comarcais-- "non ten sentido" porque fará que os profesionais opten por "outra oferta laboral fóra" de Galicia.

En declaracións a Europa Press, o internista José Antonio Díaz Peromingo, membro da Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami), lamentou que propor compatibilizar a asistencia nun hospital de cabeceira con comarcais supón "precarizar máis o traballo", polo que sinala que "non ten ningún sentido". Médicos internistas de Galicia reivindican "planificación" porque aseguran que "non a fixeron durante moitos anos" as autoridades sanitarias. "En poucos anos vaise xubilar moita xente e non hai posibilidade de substitución e non están a pensar no futuro", abundou.

Nunha reunión prevista este xoves pola tarde, a Consellería de Sanidade proporá ás xefaturas de servizo de Medicina Interna dos hospitais galegos que persoal médico doutros hospitais --os de cabeceira-- presten asistencia nos comarcais, no marco de contratos de longa duración, ata que se resolva a Oferta Pública de Emprego e concurso de traslados e se cubran esas prazas.

PRAZA FIXA

Fronte a estas propostas, ao considerar que "os novos contratos son leoninos", internistas consultados expoñen "contratos máis estables, con praza fixa cun compromiso de estancia de tres a cinco anos" e "se non se pode", propoñen que se "pague máis" a profesionais de Medicina Interna para que vaian traballar a hospitais comarcais en lugar de compatibilizar a asistencia cos centros de cabeceira.

"Necesitamos formar máis residentes porque non vai haber substitución nuns anos", avisou o doutor Díaz Peromingo, quen lamentou a perda de residentes porque "marcharon á privada" ou a outras comunidades porque "a oferta é moito mellor fóra". Neste sentido, internistas alertan de que "se non se ofertan cousas interesantes" os profesionais "marchan" de Galicia. Respecto diso, o doutor Díaz Peromingo matiza que "o internista é un ben escaso". "Ou o coidamos ou marchan", apostila.

"Non nos poden apertar máis", avisa o persoal internista que nos últimos días mantiveron reunións para situarse sobre a "sobrecarga" que aseguran que sofren nos servizos e urxir solucións. "Pedimos xente para traballar porque se compromete a asistencia dos pacientes", sentencian.

CONSELLO GALEGO DE COLEXIOS MÉDICOS

O Consello Galego de Colexios Médicos insta á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), "de acordo cos servizos implicados e os seus xefes", arbitre "de forma urxente as medidas necesarias coa memoria económica que corresponda" para "pór fin a esta inaceptable situación" de sobrecarga asistencial que teñen os médicos internistas.

"Os servizos de Medicina Interna son uns dos que máis carga de ingresos teñen e maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario. Por iso, desde o Consello Galego de Colexios Médicos vemos con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que veñen soportando nos últimos anos", expón.

Esta sobrecarga, explican os colexios médicos galegos, "está derivada, tanto do envellecemento poboacional, aumento ingresos e pacientes crónicos, a propia pandemia Covid, como da insuficiencia de persoal médico que, de maneira crónica, sofren estes servizos e derivada, probablemente, dunha mala planificación -xa referida polos citados especialistas en Medicina Interna- que chegaron a cualificar a situación de malos tratos profesionais".

"Entendemos, por tanto, como xustas e necesarias as demandas e solucións que nestes últimos días expuxeron", indica a entidade colexial, que engade que é o seu "deber deontolóxico, como garantes dunha boa práctica asistencial", conclúe, "esixir ás autoridades sanitarias que se garantan as condicións mínimas para facela posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta