Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 20:26
A Consellería de Sanidade anunciou este xoves un acordo cos xefes de servizo de Medicina Interna e as xerencias das áreas sanitarias para implementar contratos de longa duración que inclúan o desprazamento temporal a outros hospitais que requiran de profesionais desta especialidade, especifícamente hospitais comarcais, e asegurou que, a máis contratos, menos tempo de colaboración nesoutros centros.
Así o trasladou o departamento que dirixe Julio García Comesaña, e así o remarcou o propio conselleiro tras a reunión celebrada con estes profesionais na sede do Sergas en Santiago.
García Comesaña, que destacou o ton "cordial" do encontro, sinalou que, sobre a mesa, puxéronse dúas alternativas para paliar o déficit destes profesionais sanitarios: ou ben adiantar a resolución da OPE e do concurso de traslados (o que serviría para que os médicos que pedisen praza nos centros comarcais puidesen incorporarse antes), ou ben contratar persoal cunha cláusula que inclúe o desprazamento e prestación temporal de servizo naqueles hospitais galegos onde fosen necesarios.
O conselleiro sinalou que neste encontro, "quedou claro que non se produciron ningúns malos tratos" por parte do Sergas cara a estes profesionais, e que, de feito, "se recoñeceu" o seu labor en toda a atención hospitalaria e, concretamente, durante a pandemia; e que tiveron reforzos no servizo.
Todo iso despois de que xefes de servizo e organizacións profesionais tachasen o contrato ofrecido de "leonino", e reclamasen maior estabilidade e mellores condicións para estes especialistas.
Sobre o contido da reunión, García Comesaña sinalou que os xefes de servizo rexeitaron o adianto da OPE e do concurso de traslados (que cubrirían "todas as vacantes") porque afectaría a planificación de vacacións e á organización do traballo nos próximos meses, e "pediron agardar a despois do verán". Así, a OPE estará "lista para executarse a principios de outubro".
A MÁIS CONTRATOS, MENOS TEMPO NOUTROS CENTROS
Nese escenario, a alternativa posible é "usar esa fórmula de contrato", de maneira que os especialistas contratados "teñan que botar unha man en hospitais de difícil cobertura", como son os comarcais. Respecto diso, o titular de Sanidade insistiu en que "cantos máis contratos deste tipo se fagan, menos tempo terán que ir estes profesionais aos hospitais comarcais".
Tras recalcar que os internistas e xerentes viron esta opción de forma "favorable", subliñou que o seguinte paso que dará a Consellería sería remitir ao colectivo información detallada deste tipo de contrato, mentres que as áreas sanitarias, á súa vez, solicitarán e trasladarán información sobre as prazas e necesidades concretas para poder "estimar cantos recursos poderían ir axudar, e facer unha planificación de forma centralizada".
Cuestionado acerca das críticas dos profesionais, apoiados polas sociedades científicas e colexios, e das dúbidas sobre se este contrato evitará as 'fugas' de médicos de Galicia, García Comesaña asegurou que, na carta remitida ao Sergas polos xefes de servizo, na que denunciaban a sobrecarga que sofren, "non dixeron que non estivesen de acordo" coa solución do contrato con mobilidade.
Finalmente, o conselleiro defendeu que os encontros con profesionais "cando hai un problema" son a forma "habitual" de buscar solucións e indicou que o modelo de contrato con cláusula de mobilidade xa se aplica noutros servizos, como traumatoloxía, "e non se expuxo ningunha dúbida por ninguén".
Segundo afirmou, en canto o Sergas coñeceu as queixas dos internistas convocou a reunión celebrada este xoves. "Fixemos o camiño adecuado (...) o habitual é reunirse cos profesionais cando hai que buscar unha solución, e fixémolo dentro da normalidade absoluta", resolveu.
POR ENRIBA DA MEDIA ESTATAL
Sanidade volveu insistir este xoves en que Galicia está por enriba da media estatal no número de especialistas de Medicina Interna, con 14,5 médicos por cada 100.000 habitantes.
Actualmente, un total de 253 profesionais, fixos e interinos, están vinculados á especialidade de Medicina Interna no Sergas con praza estable. Ademais, a Consellería recalcou que, nos orzamentos de 2022, contémplase aumentar en 17 estas prazas.
Nas últimas OPE convocáronse un total de 47 prazas e na OPE extraordinaria para consolidación de emprego ofertáronse 36 prazas máis. Así mesmo, nas últimas cinco ofertas de MIR convocáronse 85 prazas, "o que demostra a prioridade que se lle vén dando desde o Sergas a esta especialidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.