Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2022 | Actualizada ás 10:31
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, considera "un compromiso mínimo" que médicos internistas con contrato de longa duración en hospitais de cabeceira que inclúan desprazamento temporal a outros centros, como os comarcais, por necesidades de persoal teñan que desprazarse para "cubrir esa asistencia". Nesta liña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou o "espírito construtivo" da reunión deste xoves. Un acordo do que se desmarcan os propios internistas que critican que nesa xuntanza estaban só os altos cargos da administración, pero non representantes do seu colectivo.l
En declaracións aos medios na sede do Sergas este venres, Comesaña explicou que na reunión deste xoves cos xefes de servizo de Medicina Interna de todos os hospitais galegos, "que son os interlocutores a efectos de funcionamento dos servizos", estudaron "distintas alternativas" para a cobertura desta especialidade.
"Unha primeira foi a posibilidade de atrasar a OPE e os traslados correspondentes ou facela agora. Acordamos con eles que era mellor facela despois e, por tanto, unha vez tomada a decisión de non adiantar a OPE hai que cubrir as vacantes que hai en todos os hospitais e as necesidades de todos os hospitais, tanto grandes como pequenos", insistiu.
Respecto diso, remarcou que acordaron coas xerencias revisar "cales son esas vacantes e cal é esa situación", análise que esperan ter nuns días. "Froito desa análise ofreceránselle os contratos correspondentes aos médicos que terminaron a formación, que estean dispoñibles nas listas de contratación", abundou.
POSIBLE REXEITAMENTO
Preguntado o conselleiro sobre a posibilidade de que os médicos a contratar rexeiten o contrato con mobilidade, Comesaña puntualizou que confían en ser "capaces de buscar unha solución". "Nós formamos cada ano médicos especialistas sempre en Galicia", afirmou. "Formamos agora mesmos 17 médicos de Medicina Interna e de sempre con eses médicos fomos quen de cubrir a asistencia en todos os nosos centros. Estamos seguros de que vai seguir sendo así", sostivo.
Preguntado nun acto na Coruña pola posibilidade de que médicos non asinen este contrato, o presidente da Xunta manifestou que espera que "non se así". "É certo que cando os responsables de Medicina Interna en toda Galicia expuxeron unha serie de demandas e desexo de reunirse, iso foi atendido inmediatamente", valorou.
AMEAZA DE FOLGA INDEFINIDA
Facultativos especialistas en Medicina Interna con vinculación laboral no Sergas distribuídos nsa sete áreas sanitarias elaboraron unha carta dirixida á Consellería de Sanidade e outros cinco organismos na que alertan dunha "situación caótica" que "pode comprometer a calidade asistencial", polo que urxen unha reunión coa Administración sanitaria e avisan de posibles mobilizacións en hospitais "que poderían culminar nunha folga en todo o colectivo de Medicina Interna de Galicia".
Alertan de que de forma xeneralizada os servizos de Medicina Interna dependentes do Sergas "soportan, de forma continuada, unha actividade asistencial inasumible, próxima en moitas ocasións ao 170% do planificado para o persoal actual, xerando unha situación caótica que preocupa enormemente polo risco de comprometer a calidade asistencial ou mesmo da seguridade dos pacientes".
Así mesmo, afirman que a reunión de directivos de Sanidade deste pasado xoves cos xefes de servizo e xerentes das áreas, "cualificada pola Consellería como exitosa, non reflicte o sentir dunha gran maioría do colectivo de internistas galegos".
"Foi un intento de acalar voces a través das xefaturas de servizo, que son as encargadas de organizar e distribuír a carga asistencial diaria, pero non os portavoces desta demanda colectiva de consideración respecto e seguridade para pacientes e médicos", expón este colectivo de internistas.
Así, subliñan que "todo o contrario; abre a fenda de entendemento aínda máis se cabe entre os médicos e os que organizan o traballo, querendo vender que o cociente de internistas en Galicia é máis que bo cando no canto de atender oito pacientes diarios, como a nosa sociedade recomenda, vemos 18!".
Así mesmo, indicaron que, tendo en conta os cocientes que a Consellería achegou na súa nota de prensa tras a reunión cos xefes de servizo relativa a cifras do Ministerio de Sanidade, "se debería haber 14,5 internistas por cada 100.000 habitantes, entón en Galicia debería haber 392 internistas". "E, con todo, eles mesmos dixeron que somos 253... faltarían 150 internistas", subliñaron.
As causas desta situación analizadas na reunión, expoñen, "foron a progresiva falta de respecto e de coñecemento da especialidade de Medicina Interna; o aumento exponencial da demanda á especialidade, sen o consecuente aumento de efectivos de persoal médico; a falta de substitución en vacacións ou baixas, mesmo prolongadas e a precarización dos contratos, xéneses da fuga de internistas novas buscando mellores condicións de traballo tanto cara á sanidade privada, a pública doutras comunidades, bolsas de investigación ou outros países da UE".
INTERLOCUTORES
En relación a se teñen previsto reunirse cos médicos internistas que remitiron un escrito a Sanidade para demandar máis profesionais para abordar a sobrecarga, Comesaña insistiu en que teñen "uns interlocutores que son os xerentes das áreas e os xefes de servizo" cos que se reuniron este xoves.
Pero os médicos internistas que demandan melloras no ámbito do Medicina Interna en Galicia para prestar unha asistencia "de calidade" expresaron o seu rexeitamento de novo aos contratos de longa duración en hospitais de cabeceira que inclúan desprazamento temporal a outros hospitais como os comarcais por necesidades de persoal e insisten en que "fan falta máis profesionais". Din que non están representados polos altos cargos do Sergas.
Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, un dos portavoces do colectivo de internistas que reclama "máis profesionais" en lugar de "este tipo de contratos" que temen que fagan irse fóra de Galicia aos médicos que terminan a formación nesta especialidade.
A valoración do acordado este xoves pola dirección do Sergas, os xerentes das áreas sanitarias e os xefes dos servizos de Medicina Interna dos hospitais "non é positiva". "Non nos sentimos representados", remarcaron, para puntualizar que das persoas que estaban nesa reunión non participan na mobilización dos internistas galegos para reivindicar melloras na asistencia.
Así mesmo, consideran que "son falsas" as cifras achegadas nos últimos días pola Consellería de Sanidade sobre o cociente de internistas --14,5 médicos por cada 100.000 habitantes--, por encima da media segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. "Están terxiversadas", sosteñen e subliñan que "fan falta bastantes máis, no canto de sobrar".
"PARCHE"
Para os médicos internistas que reclaman melloras "non ten sentido negociar" cos xefes "colocados" pola Administración sanitaria galega e insistiron no seu "desacordo" co "acordado" trasladado este xoves pola Consellería de Sanidade.
Por todo iso, insisten en que para mellorar a "calidade asistencial", ao seu xuízo, "fan falta máis" internistas en Galicia e non "ese tipo de contrato" con mobilidade. "É un parche malísimo", concluíron.
"CERTO CONSENSO"
Tras dúas horas e media de reunión este xoves pasado de directivos da Consellería de Sanidade cos xerentes das áreas sanitarias de Galicia e xefes de servizo de Medicina Internados hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas), algúns dos asistentes trasladaron a Europa Press á saída "certo consenso" e o compromiso de "seguir falando".
"Falamos dos problemas", aseguraron, á saída do Sergas, algúns dos asistentes. Segundo indicaron, está "todo na mesa" e pecharon esta "primeira toma de contacto" co compromiso de "seguir falando".
Posteriormente, a Consellería de Sanidade informou a través dun comunicado de prensa dun acordo cos xefes de servizo de Medicina Interna e as xerencias das áreas sanitarias para implementar contratos de longa duración que inclúan o desprazamento temporal a outros hospitais que requiran de profesionais desta especialidade, especifícamente hospitais comarcais, e asegurou que, a máis contratos, menos tempo de colaboración nesoutros centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.