Rueda: "Os problemas na sanidade son puntuais e non duradeiros no tempo"

Destaca que os profesionais sanitarios "algunhas veces teñen razón e outras non" tras novas críticas dos internistas, da Comisión Delegada do Hospital de Verín ou da Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS que denuncian "caos" e desorganización.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/06/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A sanidade segue sendo un dos principais problemas do Goberno galego, especialmente, pola falta de espcialistas na Atención Primaria e o cansanzo dos profesionais tras máis de dous anos loitando contra a Covid. Con todo, para o presidente da Xunta, as numerosas mobilizacións e críticas de sectores sanitarios son "problemas puntuais" e insiste en que a Xunta xa está falando cos sectores afectados para resolver a situación.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

"No Sergas hai traballando 40.000 persoas. É certo que ás veces se producen problemas puntuais pero non son duradeiros no tempo". Así respondía o presidente galego, Alfonso Rueda, tras preguntarlle o GC polas críticas de determinados colectivos, entre eles os profesionais sanitarios do Hospital de Verín, a Asociacións de Usuarios e Pacientes do CHUS ou do colectivo de internistas que avisan dun "gran colapso" na Atención Primaria e nos servizos de Urxencia dos hospitais galegos.

Neste sentido, Rueda insistiu en que a Consellería de Sanidade traballa xa para resolver a situación da Atención Primaria pero diferenciou entre os problemas estruturais e os laborais que poidan existir. "Unha cousa é a falla de profesionais e outra as súas demandas xa que algunhas veces terán razón e outras non", espetou.

E, sobre a problemática concreta dos internistas galegos, defendeu como válida a interlocución que mantén o Sergas cos xefes das distintas áreas sanitarias, profesionais que son nomeados a dedo pola propia administración, e que o colectivo afectado insistiu que non os representa.

En todo caso, o presidente galego volveu mirar cara a Madrid e o Goberno central ao que responsabilizou, en parte, da actual situación, por non convocar exames MIR extraordinarios e tamén por non impulsar a especialidade de Medicina de urxencias.

CRÍTICAS DE NUMEROSOS COLECTIVOS

Facultativos especialistas en Medicina Interna con vinculación laboral no Sergas distribuídos nsa sete áreas sanitarias elaboraron hai uns días unha carta dirixida á Consellería de Sanidade e outros cinco organismos na que alertan dunha "situación caótica" que "pode comprometer a calidade asistencial", polo que urxen unha reunión coa Administración sanitaria e avisan de posibles mobilizacións en hospitais "que poderían culminar nunha folga en todo o colectivo de Medicina Interna de Galicia".

Así mesmo, afirman que a reunión de directivos de Sanidade de hai unha semaa cos xefes de servizo e xerentes das áreas, "cualificada pola Consellería como exitosa, non reflicte o sentir dunha gran maioría do colectivo de internistas galegos".

Tamén a Comisión Delegada do Hospital de Verín, formada por representantes dos traballadores, denunciaba esta semana a "situación de caos" que se produce no servizo de Medicina Interna dese centro, que atribúe á "falta de xestión na cobertura de facultativos". Así, expresaron a súa "preocupación" polo que sucede no servizo de Medicina Interna no comarcal de Verín "pola falta de xestión na cobertura de facultativos" que "provoca unha situación de total deterioración na calidade asistencial".

Por outra banda, a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS vovía denunciar un novo "caos" deste servizo este mesmo mércores, 8 de xullo, tras unha fin de semana con moitos problemas. Nun comunicado criticaban que o mércores houbo 48 pacientes co ingreso asinado agardando por unha cama hospitalaria, e 6 clasificados como graves colocados nos corredores de acceso agardando a ser atendidos nos espazos destinado para este fin.

Segundo a información oficial publicada no Pulso do CHUS, nas últimas 24 horas foron atendidas no servizo 418 pacientes e o nivel de ocupación das camas era do 60 por 100. "É dicir, existen camas que non se poñen a disposición dos pacientes de urxencias cando se require polo persoal facultativo", criticaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta