Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2022 | Actualizada ás 13:15
A sesión plenaria desta semana pivotará sobre a situación da sanidade, que acumulou as tensións derivadas da pandemia xunto á falta de facultativos, especialmente en atención primaria, xunto con outros problemas en servizos como o de Medicina Interna, cuxos médicos se sumaron ás protestas en semanas recentes.
Así, á comparecencia a petición propia --e acumulada coa solicitada polo BNG-- do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que terá lugar o martes, sumarase tamén a pregunta na sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que formulará o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez.
Pero para os socialistas non será "suficiente" a comparecencia do titular da carteira sanitaria e, por iso, tamén introduciron unha interpelación que deberá responder Comesaña durante a sesión desta semana con "preguntas concretas" sobre, por exemplo, a falta de efectivos.
Na que constituirá a súa segunda sesión de control desde que asumiu as rendas da Xunta, o mandatario galego tamén deberá responder a preguntas da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre a "crise de prezos", un asunto que tamén abordou na reunión do pasado luns 6 de xuño á que levou un paquete de medidas cifrado en 700 millóns de euros para aumentar as pensións non contributivas ou facer compatible a Risga co ingreso mínimo vital, xunto con actuacións para as pemes.
Na sesión plenaria, os populares introduciron, entre outras cuestións, a preocupación pola desaparición de liñas de transporte no mapa inicialmente deseñado polo Goberno central, o que pon en cuestión, en palabras do viceportapoz popular Alberto Pazos Couñago esa "tan cacareada" protección da "España baleirada".
Ademais, o "bum eólico" tamén será outro dos temas que se abordarán na sesión plenaria, con iniciativas tanto do PPdeG --que preguntará á Xunta sobre o desenvolvemento do eólico e leva unha proposición non de lei--, como do PSdeG --que tamén cuestionará sobre o modelo do Goberno galego--, así como unha interpelación do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.