Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 13:53
Un home de 85 anos de idade faleceu na mañá deste luns tras envorcar o tractor que manexaba nunha leira privada no termo municipal de Sada. É o terceiro accidentado destas características tras outros dosu feridos nos últimos días por accidentes de tractor.
Segundo informou o 112 Galicia, o home quedou atrapado debaixo do vehículo despois de envorcar nunha leira privada. Os feitos sucederon sobre as 10,45 horas e varias persoas particulares chamaron para pedir asistencia médica urxente para unha persoa que sufrira un accidente mentres manexaba o tractor no lugar de Souto, na parroquia de Carnoedo.
Ata o lugar acudiron, tras ser informados os xestores de emerxencia, profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Sada e axentes da Garda Civil e da Policía Local. Do mesmo xeito, informouse os Bombeiros de Betanzos.
O 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico e outra de soporte vital avanzado, ademais dun equipo sanitario de Atención Primaria, que confirmou o falecemento no lugar do home J.B.P., de 85 anos de idade.
OUTRO ACCIDENTE EN TOURO
Por outra banda, no municipio coruñés de Touro unha persoa foi evacuada este luns no helicóptero medicalizado que os servizos sanitarios derivaron ata Pousada, en San Pedro de Ribeira por outro accidente con maquinaria agrícola.
Neste caso, tratouse dun accidente cunha máquina agrícola nunha casa particular. Ás 11,30 horas deste luns os servizos sanitarios comunicaron a saída da aeronave con base en Santiago para evacuar a unha persoa ferida tras accidentarse coa máquina que manexaba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.