O sindicato O'mega crítica que o Sergas non ofreza "medidas concretas" para mellorar a situación en Medicina Interna

Advirte dunha situación "de risco".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/06/2022 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

O sindicato O'mega critica que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non ofreza medidas para mellorar a situación "de risco" na que se atopan os servizos de Medicina Interna de todos os hospitais públicos galegos.

Paciente en Medicina Interna
Paciente en Medicina Interna | Fonte: consalud.es.

O sindicato explica que na reunión mantida este martes cos representantes da Consellería de Sanidade para abordar o "déficit extremo de internistas" trasladáronlle de forma pormenorizada as propostas que fan os especialistas nesta rama para mellorar.

Entre outras medidas, propoñen a cobertura do 100% das prazas vacantes en todos os servizos de Medicina Interna que existen, así como realizar os plans funcionais dos distintos servizos de forma que se determine de forma detallada o número de facultativos necesarios.

Tamén urxen a convocatoria das prazas na maior brevidade posible atendendo as listas de contratación e, de esgotarse estas, recorrer a anuncios públicos e notorios a nivel galego e mesmo estatal para conseguir a súa cobertura.

Así mesmo, propoñen incentivar a ocupación das prazas de difícil cobertura, mediante a posta en marcha de ofertas concretas pola situación de penosidade asistencial; así como o incremento no número de prazas MIR.

Ademais, o sindicato sinala que segundo o informe do Ministerio de Sanidade de Médicos Especialistas a data de Xuño 2021, faltan globalmente 134 internistas (o 34% do necesario) nos hospitais galegos, sendo o déficit superior ao 40% en varios centros.

Conforme sinala, "a administración recoñeceu que efectivamente estes cocientes non son os reais" e asegurou "estar actualmente estudando os números de internistas" para "valorar futuras necesidades". Ademais, explica que o Sergas trasladou a súa preocupación pola cobertura de Medicina Interna no hospital do Barco de Valdeorras, aínda que recoñeceu o "déficit" en todos os hospitais.

Con todo, o sindicato critica que, "tras unha longa e cordial reunión", as autoridades sanitarias galegas "só ofrecesen a realización de estudos e plans funcionais en todos os hospitais de Galicia, para conseguir a dotación necesaria a medio-longo prazo, sen ofrecer ningunha medida concreta para paliar a nosa situación crítica a curto prazo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta