Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 25/06/2022 | Actualizada ás 22:00
A mina da Penouta, en Viana do Bolo, podería fornecer de coltán á industria tecnolóxica se se inician as actividades extractivas. Isto implicaría a separación dos minerais que se buscan doutros non rendibles e para iso empréganse sistemas que implican usar mercurio, ademais de movementos de terras e a posible afectación a cursos de auga e acuíferos. Doutra banda está a xeración de postos de traballo que, esperan veciños e veciñas, solucione o problema de desemprego e dinamice concello e comarca. Mais até que punto pode ser rendible esta mina?
FLUCTUACIÓNS
A Declaración de Impacto Ambiental permite abrir a mina á explotación na zona C deste espazo. Segundo o Servizo de Enerxía e Minas o cálculo aproximado fala de 50 millóns de toneladas que se poden extraer en 30 anos. “Hoxe en día son os mercados e as súas fluctuacións os que marcan a rendibilidade dunha explotación” di Cristóbal López de Ecologistas en Acción (EEA). “Tamén está o feito de que queiran gardar estas reservas de cara ao futuro e deixar todo aí paralizado”.
A Vicepresidencia Pirmeira da Xunta e Consellería de Economía e Industria sinala que: "o proxecto de explotación foi estudado polos enxeñeiros do servizo de minas correspondente. Unha das dúas explotacións supón a posta en valor duns terreos alterados pola antiga mina de Rumasa polo que implicará a súa restauración e mellora da paisaxe".
As reservas de minerais para tecnoloxía son escasas, aí está parte do seu valor, quen primeiro as explote é quen leva o beneficio. “Realmente esta minería debera estar baixo unhas condicións específicas para a súa explotación” di Fins Eirexas de ADEGA. “Mesmo a lei de minaría de 1973, unha lei franquista, abría a posibilidade de que minas como estas fosen de titularidade pública”.
No caso da Penouta “hai intereses estranxeiros que buscan un beneficio rápido, é un modelo altamente especulativo” di Eirexas. “A proxección dos mercados é o que marca a actuación destas empresas” sinala López. Aquí falamos de Strategic Minerals Spain que “pode ser unha empresa pantalla pois os dereitos de explotación e posibles beneficios van para unha matriz que está fóra do Estado normalmente”.
En canto aos postos de traballo, non está claro que a incidencia sexa realmente positiva. “Esta minaría non é a clásica, a de pico e pá, é unha minaría con maquinaria pesada manexada por especialistas e que, como moito, pode empregar a 15 ou 20 persoas e a maioría de fóra” sinala López.
A Vicepresidencia Primeira da Xunta responde que: "na zona conflúen dúas explotacións que contan con todos os permisos exixidos pola autoridade mineira. Neste momento existen 61 empregos directos, dos cales o 80% son persoal da zona, 30 traballadores indirectos. Espérase que o cadro de persoal directo, segundos e recolle no proxecto, se amplíe en 40 persoas máis".
“O recurso, o mineral neste caso, probablemente sexa levado a outro país para o seu refinado e transformación” di Eirexas. “Isto quere dicir que o impacto económico real non queda en Galicia, mais si mercados os produtos derivados a prezos altos”.
MEDIOAMBIENTE E RECUPERACIÓN
En novembro de 2020 rompe unha das balsas da antiga mina da Penouta. Isto afectou á auga que consume a cidadanía. O Concello de Viana do Bolo emite un bando onde se prohibía o consumo de auga no núcleo urbano do concello. “A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abriu unha serie de sancións por contaminación de auga nesta zona” di Cristóbal López. “A auga que sae das balsas leva metais pesados que, se se consume, poden producir a longo prazo doenzas moi graves”.
Sobre expedientes abertos e sancións, a Xunta de Galicia responde que non houbo ningunha sanción: "a raíz dunha denuncia particular fíxose unha inspección e constatouse que o titular da explotación vén estudando, a petición da Confederación Hidrográfica, a zona desde antes do comezo da extracción". "Dese estudo tense constancia de surxencias de auga de maneira natural ricas en ferro e manganeso ao estar atravesando esas augas un xacemento mineral en profundidade. As supostas verteduras teñen unha explicación natural".
“O modelo especulativo de explotación non ten respecto pola legalidade mendioambiental, a lei obriga á empresa deixar restaurado o lugar e a maioría das veces non o fai” apunta Fins Eirexas. “A antiga Rumasa explotou os terreos da Penouta aproveitando o entullo ou refugallo que quedou das primeiras actividades, mais non restaurou o terreo”.
“España e Portugal teñen unhas lexislacións moi laxas en canto minaría, así as sancións poden ir sobre os 10.000€ por exemplo, ao final é máis barato contaminar que restaurar” lamenta López. “A Xunta debera deixar de ser unha máquina de poñer selos para abrir concesións e implicarse en novas estratexias mineiras” apunta Eirexas.
O mesmo Eirexas quere deixar claro que “non existe a minaría sustentable”, porque as condicións de explotación abren os terreos que á súa vez, emiten gases procedentes do subsolo e dos minerais que alí están. Cal pode ser a solución? Tanto Eirexas como López falan da “minaría urbana”, na reciclaxe de obxectos electrónicos, portadores dos elementos necesarios para a industria tecnolóxica e xa limpos de materias inservibles.
O temor existente é que non haxa un beneficio real coa mina da Penouta e todo quede nun movemento especulativo máis, senón, os beneficios reais irán parar a empresas foráneas instaladas noutros lugares e onde lle sacarán o verdadeiro rendemento.
Para esta reportaxe contactouse co Concello de Viana do Bolo sen que houbese resposta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.