Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 19:43
O ata agora portavoz nacional de Anova e ex deputado, Antón Sánchez, remitiu unha carta á militancia e á Coordinadora Nacional da formación impulsada por Xosé Manuel Beiras en 2012 e na que explica que presentou a súa dimisión. Deste xeito, Anova, a formación que naceu como alternativa ao BNG e que agora é case testemuñal no panorama político galego.
Sánchez fixo público esta tarde, a través das redes sociais, as razóns desta dimisión. Así, na carta, recollida por Europa Press, explica que os obxectivos que se marcaron para o seu mandato non foron "avanzando". "Non podo evitar recoñecer a constatación de que ata agora Anova non avanzou como organización para os efectos de servir como instrumento orgánico axustado a tales obxectivos auto propostos colectivamente", apuntado o que foi deputado na Cámara galega.
"Asumo todos os erros que puiden cometer na miña responsabilidade como portavoz, tanto nestes dous anos como na etapa anterior, que puidesen contribuír a ese non avance no que para min é o camiño correcto, pero a non consecución dos obxectivos políticos marcados, así como o non avance cara a eles, fai que tome esta decisión persoal", explicou.
Antón Sánchez decide deixar así a organización que mantén varias alcaldías por todo o país (destacadas como Sada ou Teo), pero tras dous anos en que a formación política deixou de contar con protagonismo galego tras a desaparición do arco parlamentario de representación do espazo de confluencia. A formación nacionalista estaba agora centrada no ámbito e no seu traballo coas mareas municipais.
"O esforzo militante na esquerda é fundamental, pero ás veces hai momentos nos que toca cambiar de estratexias, tácticas ou de persoas para buscar solucións", admite na carta, na que apunta que "ás veces é preciso dar un paso atrás para posibilitar unha alternativa, para poder mellorar e avanzar".
"O certo é que xa non sinto que poida ser útil como portavoz nestas circunstancias actuais nin tampouco, aínda que con máis continuidade de esforzos, para cambiar os resultados, razóns polas que nestas circunstancias considero que non ten sentido persistir nesta situación", sentenciou.
EN 2017
Antón Sánchez asumiu as rendas de Anova en 2017, relevando no posto ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen compartiu liderado tamén con Martiño Noriega, que foi alcalde de Santiago de Compostela e agora --tras concorrer nas autonómicas en 2020 e non conseguir acta-- retomou a súa profesión como médico de atención primaria.
Coa renuncia de Sánchez, desaparecen da primeira liña os nomes que levaron á organización, con Beiras á cabeza, ao primeiro gran pato do nacionalismo coa esquerda federal fai agora dez anos e que irrompeu, coa alianza Alternativa Galega de Esquerda (AGE) con 9 deputados no outono de 2012, ano en que naceu esta formación política como resposta a unha das maiores escisións vividas no seo do BNG tras a asemblea de Amio.
Sánchez foi deputado do Parlamento de Galicia desde 2012 ata as eleccións de 2020, nas que el mesmo renunciou a presentarse como candidato, e tivo un dos seus papeis destacados na investigación da fusión das caixas galegas, chegando mesmo a lograr por sentenza xudicial unha documentación non entregada pola Xunta.
Nesas eleccións de 2020, a alternativa presentada do ámbito político, daquela xunto a Podemos e Esquerda Unida --ademais de Anova--, quedou fóra do arco parlamentario, o que supuxo tamén a interrupción de oito anos do espazo de confluencia que chegou a contar con 14 deputados coa marca En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.