Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 15:51
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) captou 46 millóns de euros en 2021, que supoñen un 32 por cento máis que en 2020 --15 millóns máis--, ademais de rexistrar 31 patentes e 107 solicitudes e levou a cabo 128 proxectos. Así o puxo de manifesto este martes a directora científica do IDIS, Luz Couce, no acto de presentación da Memoria 2021, no que destacou que o ano pasado o IDIS realizou 100 ensaios clínicos e 77 novos contratos.
Na súa exposición, a doutora Couce detallou que en 2021 o IDIS contaba con 1.161 persoas --1.133 investigadores e 28 de apoio-- divididas en 99 grupos investigadores organizados en seis áreas --oncolóxica (18), xenética (15), endocrinoloxía (14), neurociencias (24), plataformas e metoloxía (12), e inflamación (16)--.
Deses investigadores, o 61 por cento pertencían ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o 39% á Universidade de Santiago (USC), dos cales un 26% son predoutorais, un 39% postdoutorais, un 15% lideran proxectos como investigadores principais e un 7% lideran grupos de investigación.
Luz Couce sinalou no marco da súa exposición ante un salón de actos cheo no Hospital Clínico que as "áreas máis numerosas", con máis de 100 investigadores, son as de oncoloxía, xenética, neurociencias e inflamación.
Sobre a produción científica, resaltou máis de mil artigos publicados e indexados o ano pasado --un total de 1.123--, o que supuxo no últimos dez anos multiplicar "por dous" ese traballo.
En especial resaltou, como tamén o fixo posteriormente o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa intervención para pechar o acto, os 46 millóns de euros de fondos captados en 2021, fronte aos 31 millóns en 2020, cos que se sufragaron 128 proxectos por valor de case 19 millóns de euros --deles 83 estatais por 10 millóns, 11 internacionais por tres millóns e 34 rexionais por 6,3 millóns--.
Ademais, financiáronse 100 ensaios clínicos e 120 estudos por máis de cinco millóns de euros; 512 contratos de provisión de servizos, con 14 millóns; e a creación de 77 novos postos para investigadores por valor de seis millóns de euros.
En especial, Luz Couce incidiu en que na actualidade o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela conta con "300 ensaios abertos". Con todo, a directora científica do IDIS incidiu na necesidade "dun novo espazo para seguir mellorando" en investigación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.