Trátase dun proceso que hai que entender dende a crise das organizacións políticas, o fondo anovamento da axenda política que supuxo o abrollar do 15-M e doutros movementos sociais dende 2010, o suceso electoral de Podemos, a esixencia cidadá de transparencia e participacion e maís a punxente necesidade de pór en primeiro plano da axenda política actuacións sociais e económicas pensadas nos intereses das maiorías sociais. Deste xeito, xurdiron Marea Atlántica n’A Coruña e Somos Miñor na bisbarra que integra Gondomar, Nigrán e Baiona, mentres que un milleiro asinaban o manifesto “Somos maioría”, dirixido a toda Galicia.
Estas iniciativas van moito máis aló ca unha coalición multipartita. Hai, si, iniciativa partidaria, mais existe nomeadamente un pulo cidadán, que xurde da base e pretende adoptar as súas decisións e a escolla dos candidatos a medio de procedementos participativos e democráticos no canto de que estas decisións sexan adoptadas a medio de pactos entre as directivas dos distintos partidos e axentes. O que vai supór, probábelmente, pasarmos dunha cultura política representativa do século XX a unha participativa do século XXI.
O éxito destas propostas dependerá da súa capacidade para combinar esta rexeneración democrática coa eficacia comunicacional e cunha actitude inclusiva, aberta e plural. Dentro destas novas alternativas vai haber moita pluralidade. O que compre é quitar un mínimo común denominador, nomeadamente nos tres eixos que preocupan ás maiorías sociais: promoción do emprego de calidade ( unha economía para as persoas), a blindaxe do Estado do Benestar e a transparencia para arrincar a corrupción e garantir a boa gobernanza.
Canto ao galeguismo político, haberá afacerse a traballar con independentes e progresistas que partillen dese mínimo común denominador. Malia todo, compre entender estas iniciativas no País que xurden: Galicia. Entendelas dende os parámetros de Madrid, Logroño ou Salamanca sería un grave erro. O mesmo que non contar cos bós alcaldes e alcaldesas que xa traballan decote a prol da maioría social.