Comesaña: "A día de hoxe traballan na Sanidade máis profesionais ca nunca"

O conselleiro de Sanidade cualifica as críticas á súa xestión de "catastrofistas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu este mércores a súa xestión da sanidade galega, negou que existan recortes e sosteu que "a día de hoxe" traballan neste sector en Galicia "máis profesionais que nunca".

Así o respondeu no Pleno do Parlamento a unha interpelación formulada polo deputado socialista Julio Torrado, sobre os problemas en Medicina Interna, unha visión que "comparten todos os profesionais". Durante a súa intervención, Xullo Torrado asegurou que é "evidentemente certo" que se trata dun servizo que "non ten suficientes recursos" e que "non están a reclamar maiores salarios", senón "recursos para estabilidade, máis mans para traballar e mellor organización".

Como mostra, Torrado mencionou "a dimisión do xefe de servizo de Santiago", un hospital no que, contou, hai "ao redor de 35 internistas, ningún menor de 45 anos". Isto implica, engadiu Torrado, que dos 30 profesionais que nos últimos 15 anos fixeron o MIR en Santiago "ningún se estabilizou" neste servizo.

Fronte a isto, Julio García Comesaña criticou o "discurso catastrofista" dos socialistas e asegurou que tanto o orzamento destinado a persoal como a cifra de profesionais aumentaron desde 2009, último ano do bipartito. "A día de hoxe, na Sanidade traballan máis profesionais que nunca, mesmo máis que na fase aguda da pandemia", dixo o conselleiro, que estendeu esta consideración ao persoal internista, 315.

Sobre medicina interna, admitiu que se trata dun ámbito "fundamental na estrutura hospitalaria" e que a Xunta é consciente de que "o cadro de persoal se atopa envellecido". No entanto, o "maior problema" en medicina interna, dixo Comesaña, é a cobertura nos comarcais, un aspecto no que se están "poñendo medidas" como o reforzo de compensacións asociadas aos profesionais de nova contratación que deban realizar gardas nestes centros.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha entrevista con Europa Press, a 23 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia, (España).. Salomé Montes - Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha entrevista con Europa Press, a 23 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia, (España).. Salomé Montes - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta