Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/06/2022 | Actualizada ás 15:19
A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) implantará o próximo mes unha nova versión da aplicación 'Blood' co fin de garantir a calidade da doazón de compoñentes sanguíneos. Así o avanzou este xoves en resposta a unha pregunta da deputada do PP Encarnación Amigo a directora de ADOS, Marisa López, quen detallou que o próximo mes implantarase "a versión 10" da aplicación "en todos" os centros hospitalarios do Sergas.
Marisa López comentou que esta aplicación informática 'Blood', que posibilita "un modelo único e integrado" na xestión da información, emprégase "para garantir o abastecemento de sangue e derivados en Galicia con estándares de calidade cada vez máis esixentes".
Por iso, defendeu o "compromiso" de ADOS coa "excelencia na calidade" e o uso deste sistema "de xestión da información" que garante a "xestión segura e de calidade dos compoñentes sanguíneos".
Entre outras melloras, a directora de ADOS incidiu en que este sistema informático posibilita a "etiquetaxe telemática" dos compoñentes e mellora procesos como o envorcado de analíticas de doantes en IANUS --historia clínica electrónica--.
López apuntou que desde a súa posta en marcha en 2016, a Xunta investiu "millón e medio de euros" neste sistema que "garante a rastrexabilidade dos compoñentes sanguíneos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.