Ence e Reganosa están entre os proxectos que a Xunta presentará para os Fondos de Transición Xusta

Segundo o Goberno autonómico, estes fondos "facilitarán a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

As novas plantas de Ence e Reganosa figuran entre os 36 proxectos seleccionados pola Xunta para optar aos 111 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta que o Estado transferirá a Galicia. Estas 36 propostas foron elixidas de entre as 54 manifestacións de interese presentadas á convocatoria para grandes empresas, que foron avaliadas por técnicos do Inega e do Igape.

Diso informou este mércores o Executivo autonómico nun comunicado no que sinala o programa de repartición de axudas abrirase cando a Administración central transfira a Galicia os 111 millóns comprometidos. Deste xeito, as grandes compañías que non superaron este corte quedan excluídas da próxima convocatoria, á que si poderán optar as pequenas e medianas empresas "que o estimen oportuno", segundo a Xunta.

ENCE, REGANOSA, NERVIÓN NAVAL

Así as cousas, 24 dos proxectos seleccionados están asociados ao campo enerxético e os 12 restantes ao ámbito industrial. Entre eles, segundo a relación ofrecida pola Xunta nun comunicado, están a iniciativa da planta de Nervión Naval Offshore para ensamblar estruturas de eólica mariña no porto de Ferrol, o centro de produción de metanol verde de Forestal do Atlántico en Mugardos e a ampliación das instalacións na Coruña da empresa de instalación Showa Denko.

Ademais, tamén foron elixidos os proxectos vinculados ás Pontes, como a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables, a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire e o novo centro de Ence para producir papel tisú.

Segundo o Goberno autonómico, estes fondos "facilitarán a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, que no caso de Galicia correspóndese coa provincia da Coruña, polo peche das centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados".

Proxecto da central de hidróxeno verde que pormueven Reganosa e EDP nas Pontes (A Coruña).. REGANOSA E EDP
Proxecto da central de hidróxeno verde que pormueven Reganosa e EDP nas Pontes (A Coruña).. REGANOSA E EDP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta