Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2022 | Actualizada ás 21:59
“Para a Xunta de Galicia, a minaría trátase dun sector estratéxico –cómpre lembrar que arredor do 8% da produción mineira de España sae de Galicia–. Neste sentido, está elaborando, en consenso cos axentes que compoñen esta industria, a Axenda de Impulso da Minaría Sostible. A Xunta busca así impulsar a innovación tecnolóxica e o talento neste sector; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega”.
Esta declaración do Goberno galego fíxose pública o pasado 25 de xuño, logo dunha xuntanza entre o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, con directivos de Strategic Minerals, compañía que recibiu o visto e prace da Xunta para a concesión da Mina Penouta, en Viana do Bolo, concretamente, o pase a concesión da sección C da mina a ceo aberto, a única de Europa que explota coltán, considerado o “ouro negro”, xa que é imprescindible para a fabricación de tecnoloxía dixital como teléfonos móbiles, ordenadores, microprocesadores, satélites, armas intelixentes, etc.
“O proxecto Penouta foi utilizado reiteradamente en diversos documentos da UE como estudo de caso de boas prácticas. Porén, malia as expectativas para o proxecto, os resultados foron desalentadores"
Pero a realidade desta mina semella contradicir as palabras do conselleiro e do Goberno galego. Cando menos é o que defenden Luis de la Torre de Palacios e José Antonio Espí Rodríguez, da Universidad Politécnica de Madrid. Estes expertos poñen en cuestión a sostibilidade deste proxecto mineiro, no marco da chamada economía circular.
Ambos os dous expertos veñen de publicar o estudo ‘Na minaría, non todo é economía circular: estudos de casos de proxectos mineiros recentes en Iberia’, no que analizan as minas de Penouta, Cobre Las Cruces (Sevilla), as minas de Aguas Teñidas (Huelva) e o proxecto mineiro de Sierra de Lújar (Granada). Precisamente é á mina Penouta á que dedican maior profundidade analítica. E as súas conclusións son claras.
“RESULTADOS DESALENTADORES”
“O proxecto Penouta foi utilizado reiteradamente en diversos documentos da Unión Europea como estudo de caso de boas prácticas. Porén, malia as expectativas para o proxecto da Penouta, os resultados foron desalentadores. As deficiencias iniciais do proxecto agraváronse ou non se solucionaron despois da posta en marcha”, explican.
Strategic Minerals Spain está instalada en Penouta desde 2018, cando apostou por recuperar unha planta que se atopaba abandonada desde 1985, despois de estar ao cargo das empresas do grupo Rumasa durante varias décadas. A compañía dedicouse á extracción do tantalio e niobio, os dous metais que compoñen o coltán e que ata o momento extraían da sección B. Agora, co novo proxecto para a sección C, búscase abrir unha nova zona de explotación a ceo aberto na que se atopaba a antiga mina, cunha extensión de 150 hectáreas. Mais os resultados acadados até agora por Strategic Minerals non fan pensar en positivo sobre o novo proxecto.
“Os resultados non foron os esperados, producíndose unha cantidade moi pequena de produtos vendibles de baixa calidade”
Na dimensión económica, De la Torre de Palacios e José Antonio Espí Rodríguez destacan que “a baixa produtividade da explotación non foi viable coa empresa propietaria, Strategic Minerals Spain, tendo que limitar a man de obra e pechar a explotación mineira”. Ademais, engaden, “os baixos prezos de mercado dos metais implicados contribuíron aos malos resultados económicos”.
En canto á dimensión tecnolóxica, explican que a explotación mineira afrontou dous retos: “As dificultades para tratar minerais históricos que foran procesados con anterioridade e a separación da casiterita da tantalita para obter concentrados facilmente vendibles, mediante a aplicación dunha vía hidrometalúrxica aos concentrados gravimétricos” (os métodos de concentración gravimétrica utilízanse para a separación de minerais de diferentes densidades). Neste apartado, e segundo estes expertos, “os resultados non foron os esperados, producíndose unha cantidade moi pequena de produtos vendibles de baixa calidade”.
Paradoxalmente, malia estes fracasos, sorprende a estes investigadores a aceptación social que tivo o proxecto mineiro en Viana do Bolo: “En contraste con este mal desempeño, a aceptación social sempre foi positiva, reavivando as expectativas de desenvolvemento nunha rexión que as necesita”, comentan De la Torre de Palacios e José Antonio Espí Rodríguez.
Por outro lado, engaden, “Strategic Minerals Spain participou no desenvolvemento pragmático das explotacións mineiras, tendo en conta a estabilidade ecolóxica da zona afectada e colaborando coas institucións ambientais rexionais”.
"A reciclaxe, en si mesma, non é garantía de sustentabilidade; polo tanto, non é un concepto sólido"
Para estes expertos, “a primeira consecuencia é que na planificación dun proxecto no marco dunha economía circular é necesario que se cumpran todas as condicións dun concepto sostible, xa que non son evitables en ningún caso”. E para que sexa posible, din, “sería necesario aceptar unha concepción máis débil da sustentabilidade, compensar partes dunhas condicións con outras, pero sempre co consentimento rigoroso de todas as partes interesadas; a reciclaxe, en si mesma, non é garantía de sustentabilidade; polo tanto, non é un concepto sólido”.
Como lembran, o proxecto Penouta iniciouse en 2017, procesando residuos da mina antiga nunha primeira fase de ata 1 millón de toneladas ao ano, e despois de cinco anos tamén se extraeu mineral primario da canteira, completando o fluxo do proceso e chegando a 3 millóns de toneladas ao ano.
“Con certo atraso, a explotación mineira iniciouse en 2018, e non se acadaron os obxectivos marcados. Nin a lei nin a recuperación dos dous metais nin, por suposto, a capacidade de produción alcanzaron os niveis previstos”, afirman cos datos na man (a lei dos minerais refírese á riqueza destes, é dicir, a lei dunha especie mineralóxica pura é a proporción que ten un determinado elemento respecto do total de elementos que contén a especie). Ademais, apuntan, “os prezos de ambos os metais foron inferiores aos estimados”. E isto, proseguen, “deu lugar a un valor de produción moi inferior ao empregado para a proposta de proxecto, o que provocou unha situación económica insostible. Isto ocorreu no modelo preferente, de produción baseada na reciclaxe de residuos mineiros anteriores”.
Non só isto. Segundo estes investigadores, “no seu conxunto, os resultados no plan de sustentabilidade acadados pola primeira alternativa de reciclaxe de residuos vellos non difiren moito do mineral primario, tal e como valorou Strategic Minerals Spain”. “O uso dos relaves antigos pode aforrar algún movemento masivo, pero aumenta o uso de auga e a pegada de carbono”, avisan.
VALORIZACIÓN DOS RESIDUOS
Strategic Minerals Spain realizou varios estudos para atopar formas de recuperar o tántalo e o niobio dos estanques de relaves, como recordan estes investigadores: “A mina de Penouta producirá aproximadamente un 1% de estaño, tántalo e niobio, quedando o 99% como residuos. Estes últimos están compostos principalmente por minerais de silicato que poden ser reprocesados, o que resulta nun rendemento de aproximadamente o 70% de minerais industriais, é dicir, cuarzo, mica, feldespato e caolín. O proceso global pretende conseguir unha redución dos residuos mineiros nun 80 % aproximadamente. O residuo final empregarase como material para a rehabilitación ambiental”.
"Non se cumpriron as concentracións de tantalita e estaño, os rendementos destes metais e os obxectivos de consumo de enerxía”
A valorización dos relaves mediante a recuperación dos metais contidos nos refugallos mineiros é un dos principais retos da minaría. O reprocesamento dos materiais depositados como residuos en busca de minerais que non puideron ser extraídos polas limitacións técnicas do momento, faise cada día máis necesario ante a escaseza de recursos naturais, á vez que pode ser aproveitado para dar a estes un destino medioambientalmente correcto. Os residuos dos relaves mineiros deben ser tratados para eliminar impurezas a un prezo razonable, polo que a tecnoloxía de reciclaxe de residuos debería ter un custo e unha complexidade como máximo iguais aos do procesamento do produto primario para acadar a competitividade económica.
Por outro lado, explican que, “en principio, o uso dos residuos que quedan dos recursos xa extraídos podería suxerir mellores resultados ambientais”. Con todo, matizan, “en realidade non se cumpriron as concentracións de tantalita e estaño, os rendementos destes metais e os obxectivos de consumo de enerxía”.
AUMENTA A PRODUCIÓN
Segundo datos aportados por Strategic Minerals, en xuño de 2022 aumentou a súa produción de concentrado primario en Penouta a 72,2 toneladas, un 8,3 % máis que en maio deste mesmo ano, e multiplicou por 2,6 a produción mensual media de 2021. A produción de xuño comprendeu 62,5 toneladas de concentrado de casiterita (óxido de estaño), cun contido de 71,4% de estaño e 9,7 toneladas de concentrado de tantalita/columbita (coltán) cun contido de 22,6 % de tantalita e 24,8% de columbita.
A compañía afirma estar “moi satisfeita coa continua mellora en cantidade e calidade en Penouta, o cal é reflexo do éxito no lanzamento da produción da mina ao descuberto"
Sobre unha base trimestral, a compañía aumentou a súa produción de concentrado primario a 181 toneladas no segundo trimestre de 2022, un 69 % máis que no segundo trimestre de 2021. A produción consistiu en 153 toneladas de concentrado de casiterita, cun 71,2% de contido de estaño, e 28 toneladas de concentrado de tantalita/columbita cun 23,0% de contido de tantalita e un 25,0% de columbita.
Strategic Minerals afirma que no segundo trimestre de 2002 consolidou a súa transición cara á minaría ao descuberto, “aumentando a produción e a calidade dos seus produtos finais”, din desde a compañía, que fala doutras “melloras” no segundo trimestre que incluíron a instalación de oito mesas de sacudidas e un concentrador gravimétrico Falcon para aumentar a capacidade do proceso gravimétrico e a recuperación de minerais metálicos.
“Estamos moi satisfeitos coa continua mellora en cantidade e calidade en Penouta, o cal é reflexo do noso éxito no lanzamento da produción da mina ao descuberto e a optimización da nova planta de trituración primaria na instalación”, expresou Jaime Pérez Branger, CEO de Strategic Minerals, quen engadiu: “Felicito o noso equipo sobre o terreo por lograr este crecemento sen transixir no noso compromiso coa saúde e a seguridade. Estamos seguros de que podemos manter estes niveis de produción e cumprir cos nosos obxectivos establecidos en 75-90 toneladas de concentrado por mes durante o resto de 2022”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.