Tres lumes activos en Ourense arrasan xa 270 hectáreas

Activos incendios en Cenlle, Oímbra e Melón.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 31/08/2022 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural xa dá por controlado o incendio rexistrado no municipio ourensán de Melón, concretamente na parroquia de Quins, e que queimou unhas 75 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

Neste lume, que se iniciou na noite de luns, traballan 12 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, unha pa, catro avións e tres helicópteros. Segundo a Xunta, puido ser controlado pouco antes das 20,00 horas deste martes.

Para o alcalde desta localidade, a intencionalidade está detrás deste suceso. "Que clase de incendio se produce ás 22,30 da noite e preto dun pobo sen ser malintencionado?", pregúntase o rexedor de Melón, Emilio Díaz. "A situación clama ao ceo", quéixase.

É, ademais, o terceiro incendio na mesma zona ao longo deste verán. Primeiro, no pobo de Vilaverde; o segundo, en Barcia; e agora outra vez en Vilaverde. "E con moita casualidade, porque cando empezou arder en Melón tanto a nosa brigada como o noso camión atopábase colaborando na extinción do incendio de Cenlle. Non é fácil explicarlle aos veciños que non podemos mandar o camión porque xa está noutro incendio", relata Emilio Díaz.

A maiores, hai dous incendios aínda sen controlar na provincia de Ourense. Así, está estabilizado o lume de Oímbra --parroquia de Bousés--, con 140 hectáreas queimadas, un lume que entrou de Portugal. Pola súa banda, segue activo o incendio de Cenlle, con 62 hectáreas arrasadas, aínda que a Xunta subliña que evoluciona "favorablemente" cara á súa estabilización.

Foto de arquivo dun incendio rexistrado en Melón (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press
Foto de arquivo dun incendio rexistrado en Melón (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta