Pontón esixe a Rueda que "dea a cara" polo "desastre sanitario"

Reclama tamén a transferencia a Galicia da parte que lle corresponde como zona produtora dos impostos ás eléctricas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "dea a cara" ante o "desastre sanitario", dixo en referencia, entre outras cuestións, ás "listas de espera insoportables". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

A preguntas dos xornalistas tras a morte dunha muller na PAC de Baltar, en Sanxenxo, e sobre o que se pospuxo a atención de citas, excepto as urxentes, insistiu en que na sanidade pública galega "non hai normalidade".

Tamén culpou da situación á Xunta, "que cando hai un problema bota balóns fóra". "A responsabilidade de que haxa un problema na atención sanitaria é do PP". "Leva trece anos privatizando e deteriorando as condicións laborais", manifestou sobre o persoal. "Debe comparecer no Parlamento galego", sentenciou tamén sobre o presidente da Xunta, e insistiu en que pedirán a súa comparecencia no primeiro pleno desta Cámara.

"Os recortes poñen en risco a saúde das persoas", dixo tamén a portavoz nacional do BNG tras unha reunión con traballadores de Teleperformance na Coruña.

CONTRA O "LOBBY ELÉCTRICO"

Ana Pontón reclamou, así mesmo, a transferencia a Galicia da parte que lle corresponde como zona produtora dos impostos ás eléctricas. Aposta, asegurou, por un novo modelo enerxético no que "un sector que é estratéxico estea en mans do sector público" e insistiu na creación dunha empresa pública de enerxía en Galicia e dunha tarifa eléctrica galega.

A líder nacionalista reclamou, ademais, unha nova regulación do sector e urxiu a Xunta e a Goberno central a actuar para evitar deslocalizacións como a de Teleperformance na Coruña, que o BNG levará ao Parlamento galego, ao Congreso e ao Concello. Así, esixiu á Xunta que se poña "do lado das traballadoras" e non do lado do lobby eléctrico.

"Non podemos permitir que no medio desta crise se vaian perder 90 empregos na Coruña por unha decisión empresarial que o único que busca é o máximo lucro". "É impresentable que nesta crise de prezos o lobby eléctrico non só se estea forrando, senón que tamén estea traballando para que se perda emprego que había localizado no noso País", recalcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta